Tres iniciativas empresariais reciben o premio “VI Edición Camiño do Emprendemento”

12/03/2020

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela entregou hoxe os premios da VI Edición Premio Camiño do Emprendemento, co patrocinio de ABANCA, a tres iniciativas empresariais destacadas da demarcación cameral: 3Drone&Safety, Lux Xperience e unha terceira iniciativa de prestación de servizos deportivos. Asistiron ao acto de entrega de diplomas, que se celebrou no Viveiro de Empresas da Cámara, o director de Negocio Institucional de ABANCA Galicia, Asturias e León, José Lino Comesaña; o director da Oficina de Relacións con Institucións de ABANCA, Álvaro Rodríguez Cabo; a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Rosa Mary Cardeso. 

Esta distinción é un recoñecemento que pretende promocionar estas ideas empresariais e prestar apoio para a súa posta en marcha, desenvolvemento e consolidación, coa finalidade de axudar á reactivación da economía e o emprego dos trinta e dous concellos da demarcación cameral. O premio cubrirá o 50 por cento dos gastos da estancia no viveiro de empresas de Costa Vella durante un ano aos proxectos distinguidos. Os gañadores poderán solicitar as liñas de financiamento presentadas por ABANCA con condicións financeiras preferentes (a concesión do financiamento estará suxeita, en todo caso, á previa análise do risco por ABANCA).

Durante ese tempo, os emprendedores, ademais do servizo de aloxamento, infraestrutura e logística, recibirán servizos de acompañamento, consultoría, titorización e mentorización dos seus proxecto empresariais coa finalidade de favorecer a súa arrincada, creación e consolidación e mellorar así as súas expectativas de implantación e supervivencia empresarial. 

O xurado composto por representantes da Cámara de Comercio e de ABANCA tivo en conta na súa decisión o nivel de desenvolvemento do proxecto, o seu carácter innovador, o volume de investimento, o grao de proxección nacional e internacional, a posible xeración de postos de traballo e a experiencia previa dos participantes. 

PROXECTO 3DRONE&SAFETY

Este proxecto liderado por José David Aldana e Adán Fariña, 3DRONE&SAFETY consiste na creación dunha empresa capaz de vender software fotogramétrico y ofrecer servicios personalizados de topografía e fotogrametría. Os seus promotores detectaron en España o uso deste software é bastante reducido en comparación a outros estándares igual de potentes ou menos, como Pix4D, polo que aspiran a integrarse no mercado fotogramétrico e todo aquel que necesite traballos topográficos, de xeito que a actividade e rentabilidade sexan óptimas para a empresa. 

O xurado valorou a decisión da posta en marcha dunha actividade empresarial coa fin de sair adiante coma empresarios tendo en conta a súa xuventude, as súas ilusións e o seu traballo no proxecto, cunha proxección adecuada e dado que a estancia no Viveiro podería resultar vital para a definición dun proxecto  con garantías de viabilidade, así coma para a posta en marcha e a súa consolidación. 

PROXECTO MARCOS HELENO VIDAL _SERVIZOS DEPORTIVOS

A idea principal deste proxecto, liderado por Marcos Heleno, é a creación dunha empresa deportiva con sé en Santiago, coma centro neurálxico de Galicia, que lle permita extender a súa actividade a toda Galicia, os seus servizos dirixiránse ao deporte en xeral malia partindo da base do fútbol que é onde o emprendedor ten máis experiencia. 

O xurado valorou a formación e experiencia referida no desenvolvemento doutras actividades profesionais anteriores e, dado que a estancia no viveiro podería resultar importante para a definición dun proxecto con garantías de viabilidade, así como para a súa posta en marcha e consolidación. 

PROXECTO LUX XPERIENCE

Este proxecto, liderado por Andrés Rodríguez, Anxo Boado, Daniel Castro e Daniel Mourelos, consiste no deseño e comercialización de experiencias turísticas a enclaves culturais mediante o uso da tecnoloxía da realidade mixta a través dunhas gafas que permitan ao usuario ver o entorno real que lle rodea mediante a tecnoloxía da realidade aumentada e realidade virtual. 

O xurado valorou a experiencia no desenvolvemento doutras actividades anteriores, pola simbiose de personalidades, capacidades e habilidades, dado que a estancia no viveiro podería resultar importante para a definición dun proxecto con garantías de viabilidade, así como para a súa posta en marcha e consolidación.

Proyecto financiado por la Diputación de A Coruña