O ALCALDE PARTICIPA O XOVES NO WEBINARIO "SELO COMERCIO DE CONFIANZA"

03/06/2020

O alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, participará na presentación do webinario informativo "Selo comercio de confianza. Transmitir seguridade para gañar confianza", que se desenvolverá este xoves, 4 de xuño, de 19:00 a 20:00 horas, vía telemática. A xornada está dirixida aos establecementos comerciais e nela, a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Rosa Mary Cardeso; e o secretario xeral accidental, Fernando Pérez, explicarán a funcionalidade desta distinción, a quen vai dirixida, os requisitos que hai que cumprir para acceder á mesma, a documentación requirida e o procedemento de tramitación (prazos, custe, etc.). As persoas interesadas poden inscribirse na web da Cámara de Comercio.

O Concello e a Cámara de Comercio de Santiago facilitarán que 200 establecementos comerciais da cidade poidan acceder a este selo, impulsado pola Cámara de Comercio de España e a Secretaría de Estado de Comercio. En virtude desta colaboración, o Concello sufragará á Cámara o custo dos selos (57 euros + IVE) para os 200 primeiros comercios que soliciten e obteñan esta distinción.

Este selo, que ten unha duración dun ano, garante que os locais cumpren cos protocolos sanitarios e de seguridade establecidos no Protocolo e Guía de Boas Prácticas dirixidas á Actividade Comercial en Establecementos Físicos e non Sedentarios publicado pola Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

Esta iniciativa, que se suma a outras xa postas en marcha a raíz da crise da COVID-19, complementa as actividades integradas no marco do convenio de colaboración entre o Concello e a Cámara de Comercio para este ano 2020, dotado cun orzamento de 100.000 €. Entre estas accións ofrecidas pola Cámara figuran:

• Servizos de información, asesoramento e titorización de proxectos empresariais, grazas aos que, ata o momento, se realizaron 92 asesoramentos.

• Servizos de fomento do espírito emprendedor no eido educativo: nestas visitas e charlas informativas, dirixidas a que o alumnado de centros de secundaria coñeza os procesos de emprendemento e o Viveiro de Empresas da Costa Vella, teñen participado ata o momento 90 estudantes.

• Itinerarios formativos personalizados de emprendemento xuvenil: realizáronse neste ano 2020 o Programa Marketing Dixital e Emprendemento e o Programa Videoxogos e Emprendemento, nos que participaron 50 mozos e mozas, e estanse a executar o Programa Social Media, Marketing Dixital e Emprendemento e o Programa Tendas Virtuais e Emprendemento, no que están a participar 60 mozos e mozas.

• Servizos de asesoramento en materia de internacionalización, que permitiron realizar 549 asesorías, predominando as consultas efectuadas por empresas dos sectores da madeira e a súa transformación, telecomunicacións, papel e cartón sobre os mercados de Oriente medio, Marrocos, China e Centroamérica.

• Servizos de apoio a autónomos e empresas na busca de financiamento, realizándose ata agora 53 asesoramentos, e os tres webinarios, cunha media de 30 participantes por evento.

O convenio de colaboración coa Cámara de Comercio forma parte do programa municipal Compostela Móvese, que integra dende o ano 2015 todas as accións da Oficina de Promoción Económica relacionadas co desenvolvemento económico, apoio á cultura emprendedora e creación de novas empresas. Para este ano 2020 conta cunha programación especial adaptada ás necesidades xeradas no tecido industrial pola crise sociosanitaria da COVID-19.

Proyecto financiado por la Diputación de A Coruña