Convócanse os Premios Manuel Beiras 2020

25/11/2020

As dúas institucións acordaron revisar as bases que rexen os premios e introducir unha nova categoría para premiar as accións comunicativas das empresas que destaquen pola súa innovación, orixinalidade ou impacto, tendo en conta que poden ser globais ou puntuais. Deste xeito, os Premios Manuel Beiras avanzan no seu nivel de esixencia ao valorar a importancia da calidade e da eficacia na comunicación en galego, toda vez que a sociedade compostelá xa non só acepta senón que valora e demanda que as empresas empreguen o galego na súa rotulación, na publicidade ou en calquera outro soporte e, polo tanto, cómpre comezar a recoñecer os esforzos e o coidado especial que se lle preste.

As bases recollen tamén de xeito máis claro os obxectivos da convocatoria e os elementos que o xurado terá en conta para analizar as candidaturas, así como as demais especificacións a respecto dos premios e, por suposto, as categorías habituais de nova incorporación e uso continuado do galego.

Para dar a coñecer a convocatoria deseñouse unha campaña informativa, con elementos presenciais e virtuais, apoiada na imaxe da edición anterior mais coherente coa nova etapa dos premios. Os diferentes soportes pretenden poñer de relevo que o uso do galego é unha decisión estratéxica para as empresas porque facilita a súa conexión coa realidade en que se insiren e lle outorga visibilidade. 

A campaña tamén terá o seu reflexo na web dos premios, que se remodela para dar cabida a toda a información sobre a convocatoria actual e tamén das anteriores. 

Mantense, como en anos anteriores, a posibilidade de que as candidaturas sexan formuladas por calquera persoa ou entidade, desde dentro da empresa candidata ou tamén desde fóra. As propostas deben enviarse por correo electrónico ao Departamento de Lingua do Concello (dlg@santiagodecompostela.gal) ou ao Departamento de Comunicación da Cámara (comuniacion@camaracompostela.org). As empresas deberán, para manteren a súa candidatura, facilitar información sobre a súa práctica lingüística.

A finais de ano, nun acto que se programa para o 21 de decembro, daranse a coñecer as empresas gañadoras.

 
Ligazóns de interese: 
Bases da convocatoria 2020

Web dos Premios Manuel Beiras

 

Proyecto financiado por la Diputación de A Coruña