A XUNTA E A CÁMARA DE COMERCIO DE SANTIAGO APOIAN A FORMACIÓN DUNHA VINTENA DE MOZOS EN DESENVOLVEMENTO DE VIDEOXOGOS

20/04/2021
Un total de 25 mozas e mozos galegos menores de 30 anos comezan o curso formativo Videoxogos e emprendemento, un programa de sete semanas de duración promovido pola Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Xunta –a través da Fundación Cidade da Cultura– e a Fundación Incyde. A iniciativa proponse promover o éxito empresarial entre os participantes, xa sexa a través de novas oportunidades de crecemento profesional ou apoiando o nacemento e consolidación de novos proxectos de negocio e a creación de empresas. O curso está enmarcado no Programa de formación e asesoramento a empresas e profesionais culturais que desde o Gaiás desenvolven a Xunta e a Cámara de Comercio, que, ademais de asesoría personalizada inclúe accións formativas en eidos como a internacionalización, o emprego das TIC, o financiamento e o capital risco ou a xestión empresarial. A apertura do curso, que se desenvolve a través de videoconferencia, contou coa participación da xerente Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, a secretaria xeral da Cámara, Rosa Cardeso, e o director de proxectos da Fundación Incyde, Jorge Hierro Álvarez. O programa, dirixido a mozos e mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, ofrece a oportunidade de formarse nun sector punteiro, o do gaming, en plena expansión, e que vén experimentando crecementos acumulados nos últimos anos. Está destinado tanto a persoas emprendedoras ou profesionais que queiran iniciarse no desenvolvemento de videoxogos ou ampliar e consolidar os seus coñecementos no campo da creatividade dixital, como a aquelas que simplemente teñan interese no desenvolvemento de videoxogos de forma profesional. Os e as participantes no curso aprenderán o funcionamento das empresas do sector, coñecendo os roles do equipo técnico, as tecnoloxías empregadas e as ferramentas, estratexias e canles axeitados para expor unha idea de negocio e poñela en marcha. Inscrición aberta O vindeiro mes de maio dará comezo un segundo programa formativo, tamén de balde e en liña, desta volta centrado en transformación dixital, xestión empresarial e emprendemento nas empresas culturais e creativas. O curso está dirixido tamén a mozos e mozas menores de 30 anos, que conten cunha idea de negocio no eido das industrias culturais e creativas e procuren apoio para a posta en marcha dun proxecto de empresa. As inscricións atópanse actualmente abertas, a través da web da Cidade da Cultura ou da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela. Apoio ao sector cultural O Programa de formación e asesoramento a empresas e profesionais culturais proponse apoiar e mellorar a competitividade do sector nun momento especialmente delicado pola crise da covid-19. No marco do programa desenvólvense unha serie de accións formativas entre as que xa tiveron lugar dúas xornadas, centradas en implantación das TIC e en internacionalización, coa participación de preto dun cento de persoas. Ata final de 2021, o programa incluirá tamén formación en temas como financiamento, capital risco ou programas europeos de apoio ao sector cultural. Ademais, o servizo ofrece asesoramento sobre temas como plan de negocio, business angels, apertura de novos mercados, ou acceso a fontes de financiamento, resolvendo tamén dúbidas de carácter laboral, fiscal e mercantil relacionadas coas medidas postas en marcha para paliar as consecuencias económicas da covid-19.

Proyecto financiado por la Diputación de A Coruña