A XUNTA E A CÁMARA DE COMERCIO DE SANTIAGO FORMAN A MEDIO CENTENAR DE MOZOS EMPRENDEDORES DO EIDO CULTURAL E CREATIVO

24/06/2021

A Xunta de Galicia, en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e a Fundación Incyde promoveu a capacitación profesional de 50 mozas e mozos menores de 30 anos, profesionais no ámbito das industrias culturais, que participaron en dous programas formativos sobre e transformación dixital, xestión empresarial e emprendemento no eido cultural e sobre emprendemento na industria dos videoxogos e a creatividade dixital.

No acto de clausura de ambos programas, celebrado hoxe na Cidade da Cultura, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo remarcou a importancia de promover este tipo de iniciativas formativas tanto por “centrarse en áreas das industrias culturais e creativas de especial potencial e crecemento, como son os videoxogos e a creatividade dixital, como por mellorar as competencias profesionais e emprendedoras dos nosos mozos e mozas”. No acto, participaron tamén a vogal do Comité Executivo da Cámara de Comercio de Santiago, María Pais; a directora do departamento de Desenvolvemento da Fundación Incyde, María Torres; e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo.

Estes dous programas de capacitación, con inscrición de balde e desenvolvidos ao longo dos pasados meses de abril, maio e xuño, dirixíronse a mozos e mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, ofrecéndolles novas oportunidades de crecemento profesional co obxectivo de impulsar o seu éxito empresarial e apoiar o nacemento e consolidación de novos proxectos de negocio.

Apoiando a profesionais da cultura

Ambos cursos enmarcáronse no Programa de formación e asesoramento a empresas e profesionais culturais que desde o Gaiás desenvolven a Xunta e a Cámara de Comercio, que, ademais de asesoría personalizada está a incluír accións formativas en eidos como a aplicación das TIC, o acceso a fontes de financiamento ou a xestión empresarial.  

“O programa proponse apoiar e mellorar a competitividade do sector nun momento especialmente delicado pola crise da covid-19”, explicou o secretario xeral de Cultura, que destacou que no que vai de ano “230 profesionais participaron xa nas diferentes actividades formativas ofrecidas que incluíron desde capacitación e información sobre axudas para a aplicación das TIC ás empresas culturais, acceso a programas europeos de intercambio e apoio aos profesionais culturais ou diferentes programas e axudas para a internacionalización e a apertura de novos mercados”.

Ademais, o servizo ofrece –tanto en liña como desde a súa oficina na Cidade da Cultura– asesoramento sobre temas como plan de negocio, exportación de produtos ou servizos e acceso a financiamento, resolvendo tamén dúbidas de carácter laboral, fiscal e mercantil relacionadas coas medidas postas en marcha para paliar as consecuencias económicas da covid-19.

 

Proyecto financiado por la Diputación de A Coruña