A Cámara de Comercio de Santiago asina un convenio coa Deputación para o financiamento do proxecto ‘Coworking dixital CCompostela’

10/01/2022

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o vicepresidente da Cámara de Comercio, Industria e Navegación de Santiago de Compostela, José Carballo García, xunto ao deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, formalizaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto “Coworking dixital CCompostela”, no marco do Plan de Emprego Local (PEL).

O Coworking Dixital CCompostela busca apoiar a transformación das pemes no momento actual de reflexión sobre a dixitalización que se leva a cabo en España e Europa, como vía necesaria para reforzar a súa produtividade, a súa competitividade, o seu crecemento e a súa internacionalización e, en certos casos, incluso a súa supervivencia. Para cofinancialo a Deputación achegará 37.789,50 euros de fondos propios, o que supón o 20% do total, que ascende a 188.947,52 euros.

No contexto actual, de crise socioeconómica derivada da pandemia da COVID-19, quedou patente que a dixitalización empresarial determina en moitos casos a supervivencia de pemes,micropemes e emprendedores da provincia. Por este motivo, con este proxecto preténdese realizar unha labor de achegamento dos emprendedores, pemes e micropemes á nova realidade dixital mediante accións de información, sensibilización, formación, infraestruturas, asesoramento e acceso a equipamento tecnolóxico, entre outros, coa finalidade de que se animen a probar e iniciar o camiño da dixitalización.

A posta en marcha do “Coworking Dixital CCompostela” ofrecerá apoio no só tecnolóxico, senón tamén no desenvolvemento de novos modelos de negocio baseados na economía dixital, ademais de prestar apoio noutras áreas como a financeira e formativa. Cunha visión holística da innovación, o coworking abarca unha completa batería de servizos en torno ás dimensións de negocio, financiamento e xestión da innovación e a transferencia de tecnoloxía, poñendo especial énfase nos aspectos relacionados coa colaboración e o networking.

O espazo estará destinado a facilitar e garantir a optimización da capacidade de innovación das pemes, micropemes e emprendedores e acelerar o seu proceso de dixitalización e incorporación de tecnoloxía para mellorar a súa competitividade e apoiará ao fomento da innovación axudando a conformar unha demanda clara derivada de problemas e retos reais do tecido produtivo rexional, atraendo unha oferta de I+D e solucións tecnolóxicas que compense as carencias do sistema actual de innovación e proporcionando os medios necesarios para cruzar oferta e demanda e soster os proxectos innovadores resultantes.

Abarca un total de 32 concellos

O proxecto ten un marcado carácter supramunicipal xa que o su ámbito de actuación é o mesmo que o da Cámara de Comercio de Santiago, que comprende un total de 32 concellos da provincia: A Baña, Ames, Arzúa, Boimorto, Boiro, Boqueixón, Brión, Carnota, Dodro, Lousame, Mazaricos, Melide, Muros, Negreira, Noia, O Pino, Outes, Padrón, Porto do Son, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, Teo, Touro, Toques, Vedra e Vilasantar.

En definitiva, a posta en marcha do “Coworking Dixital Ccompostela” incidirá directamente no crecemento económico da zona, a través da especialización tecnolóxica nos sectores produtivos industriais mediante a aplicación de tecnoloxías dixitais, todo iso baseado nun modelo innovador de transferencia de coñecemento.

Proyecto financiado por la Diputación de A Coruña