A guerra en Ucraína e a subida dos prezos enerxéticos restarán 1,2 puntos ao crecemento económico en 2022

15/03/2022

A guerra en Ucraína cambiou de maneira radical o panorama económico, ata o punto de que, segundo as estimacións do Servizo de Estudos da Cámara de Comercio de España, restará 1,2 puntos porcentuais ao crecemento económico en 2022.

Segundo as previsións feitas públicas hoxe, o PIB aumentará este exercicio un 4,3% en lugar do 5,5% calculado anteriormente.

As razóns deste menor crecemento explícanse, sobre todo, pola incidencia que a alta taxa de inflación terá sobre o consumo dos fogares e o investimento das empresas. Igualmente, o sector exterior verase afectado polo menor crecemento dos países europeos e pola interrupción do comercio internacional con Rusia e Ucraína.

A Cámara de España estima que a inflación media este ano situarase no 6,7%, cunha taxa subxacente do 3,4%.

Esta forte subida dos prezos minguará de maneira significativa a capacidade de gasto das familias. Segundo os últimos datos publicados polo INE, o 61% das clases de produtos e servizos que compoñen a cesta da compra encarecéronse máis dun 2% en febreiro, e o 21% destas partidas elevaron o seu prezo por encima do 5%. Por esa razón, a estimación da taxa de crecemento do consumo privado rebáixase á metade, do 4% ao 2%.

O aumento dos custos aos que deben facer fronte as empresas, e moi particularmente os enerxéticos, incidirá tamén no investimento empresarial. Polo que se refire ao investimento en bens de equipo, a previsión mantense no 10,6%, cando en 2021 a formación bruta en bens de equipo creceu un 15,2%; en canto ao investimento en construción, si se rebaixaron as previsións, do 6,2% ao 1,2%, xa que as expectativas dun cambio de signo na política monetaria e a menor renda dispoñible das familias anticipa unha menor demanda de hipotecas. O sector verase así mesmo impactado polo incremento dos custos dos materiais de construción.

Polo que se refire ao sector exterior, as exportacións apenas se verán afectadas xa que o comercio con Rusia e Ucraína é pouco significativo (Rusia apenas representa o 0,8% das nosas vendas no exterior e Ucraína o 0,2%). Con todo, o impacto será maior nas importacións en rúbricas como o petróleo, o gas e os cereais.

Esta situación económica máis adversa traducirase nun crecemento do emprego tamén inferior ao esperado. A previsión é que a ocupación aumente un 3,2% en lugar do 4,9% inicialmente estimado, o que se traducirá en que a creación dun 600 mil novos postos de traballo en 2022.

A incidencia que este novo panorama económico terá nas contas públicas está aínda por determinar ata coñecer as medidas fiscais que o Goberno poida tomar para amortecer a subida dos prezos enerxéticos. De momento, o efecto da inflación podería traducirse nunha rebaixa do déficit en termos nominais, aínda que este aspecto será obxecto de revisión no futuro.

Proyecto financiado por la Diputación de A Coruña