O VIVEIRO DE EMPRESAS DA CÁMARA DE COMERCIO DE SANTIAGO CONSOLÍDASE NO TOP 3 DAS MELLORES INCUBADORAS DE ESPAÑA, SEGUNDO A CLASIFICACIÓN 2023-2024 DE FUNCAS

29/05/2023

O viveiro de empresas da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, situado no polígono santiagués de Costa Vella, foi recoñecido como a terceira mellor incubadora de España, segundo os resultados da Clasificación Global da Fundación das Caixas de Aforros (FUNCAS).

Este novo recoñecemento vén a sumarse aos xa obtidos pola entidade en anos anteriores, consolidándose no TOP 3 dos mellores viveiros de empresa na categoría de viveiros avanzados “pola cantidade e calidade dos servizos prestados”. 

Esta clasificación está enmarcada no informe titulado “Os servizos que prestan os viveiros e aceleradoras de empresas en España, clasificación 2023-2024”, traballo asinado por cinco investigadores que se estende ao longo de 135 páxinas. O estudo analiza case un centenar de viveiros de empresas radiografiando a súa actividade en catro apartados: difusión do espírito emprendedor, preincubación, incubación básica e graduación. En todos eles o viveiro da entidade compostelá ocupa un papel destacado, sendo recoñecida no primeiro posto da clasificación na categoría de “graduación” e o segundo na categoría de “fomento do espírito emprendedor”.

Na actualidade, no viveiro de empresas da cámara, estanse incubando 28 empresas –13 no viveiro físico e 15 no viveiro virtual–, cunha taxa de ocupación aproximada do 80%. Desde a súa creación en 2006, pasaron polo viveiro cameral máis de duascentas empresas, das cales, 170 continuaron a súa actividade empresarial con éxito fóra del, polo que finalmente a taxa de supervivencia empresarial sitúase nun 85%.

Este ano, ademais, a entidade cameral deu un salto máis na prestación de servizos ás empresas, incorporando ao seu Viveiro de Empresas o “Coworking Dixital Ccompostela” orientado a favorecer a transformación dixital das pemes, a través de programas específicos de acompañamento, incubación e aceleración de empresas.

“A nosa vocación no fomento do emprendemento e a súa cultura é incuestionable”

A Presidenta da Cámara, María Pais, celebra a relevante distinción e destaca a importancia dun traballo continuado de anos. “O estudo de FUNCAS recoñece que somos un viveiro exemplar na incubación de proxectos empresariais. Levamos desde o ano 2016 sendo recoñecidos nos primeiros postos da clasificación global de viveiros avanzados de España. A nosa vocación no fomento do emprendemento e a súa cultura é incuestionable, porque só a través do incremento da base empresarial seremos capaces de fixar riqueza e crear emprego de calidade que permita reter e aproveitar o talento dos nosos mozos. Os resultados aí están e, por iso, todos os nosos profesionais merecen igualmente ser felicitados”.

Un viveiro de 1.600 m2 e 24 despachos creado fai dezasete anos

O viveiro de empresas ubicado no polígono de Costa Vella e creouse en 2006 para impulsar a creación, crecemento e consolidación de empresarios individuais e empresas. Ademais, a incubadora da Cámara compostelá forma parte activa da Rede Incyde, a maior rede de viveiros empresariais de Europa que actualmente conta con máis de 100 viveiros de empresas en funcionamento, o que permite aos seus viveristas ter acceso a unha rede internacional de contactos e eventos.

A incubadora da Cámara conta cunha superficie construída de 1.599,8 m2, con catro alturas e 24 oficinas, ademais de salas de reunións e aulas, dedicado integramente á incubación de proxectos empresariais.

Sumado aos servizos de infraestrutura e loxística, os viveristas reciben formación, tutorización e asesoramento especializado segundo as necesidades propias de cada proxecto, accións que representan a súa verdadeira razón de ser e ofrecen valor engadido.

De maneira complementaria, o centro ofrece a opción de viveiro virtual para aqueles interesados que non precisen, polas características da súa actividade empresarial, dun espazo físico onde situarse pero si a infraestrutura, loxística e servizos ofertados polo viveiro.

 

Proyecto financiado por la Diputación de A Coruña