A CÁMARA DE COMERCIO DE SANTIAGO ORGANIZA DO 10 AO 12 DE MAIO UNHA LOCAL CREATIVE JAM EN RIBEIRA

08/05/2024

A Cámara de Comercio organiza esta fin de semana o evento Local Creative Jam, que terá lugar en Ribeira. Durante tres días, venres 10, sábado 11 e domingo 12 de maio, 20 mozos de entre 18 e 30 anos reuniranse en Ribeira co obxectivo de traballar na creación de propostas enfocadas no lema “Turismo azul: Sustentabilidade e posta en valor dos recursos locais”. As mellores propostas serán premiadas con diversos dispositivos electrónicos e a posibilidade de competir na próxima International Creative Jam que terá lugar na Universidade das Açores.

O programa tamén recolle formacións sobre economía azul e turismo mariñeiro, así como o uso de drons enfocado a aplicacións náuticas e finalmente unha charla dirixida a aprender a estruturar ideas e coordinalas nun discurso. Con estas formacións preténdese axudar aos participantes na creación e presentación dos seus proxectos. Ademais, tamén se inclúen visitas guiadas e actividades en lugares como a Lonxa de Ribeira para que os mozos poidan coñecer de primeira man como funciona o mundo da pesca entre outras cousas. Os participantes terán tamén a oportunidade de experimentar con conservas da zona e visitar a illa de Sálvora.

Os mozos enfrontaranse a uns retos para o sector, xurdidos da enquisa realizada polo proxecto o pasado mes de marzo entre entidades locais, confrarías de pesca e outros expertos no sector. Co foco posto en potenciar a procura de solucións innovadoras entre a mocidade de Galicia, os participantes deberán traballar en grupos para finalmente presentar os seus proxectos #ante un xurado que elixirá o proxecto gañador.

Este evento forma parte do proxecto europeo ATLIC (Atlantic Innoblue Communities), cuxo obxectivo é crear un novo enfoque para a innovación e o emprendemento xuvenil no desenvolvemento da Economía Azul do Espazo Atlántico, construíndo unha Comunidade Azul de Innovación Atlántica piloto baseada en laboratorios de innovación aberta, transferencia de coñecemento, creación de capacidades e redes de apoio para desenvolver solucións de mercado aos desafío comúns aos que se enfronta a rexión.

ATLIC é un proxecto cofinanciado pola Unión Europea a través do programa Interreg Espazo Atlántico.

 

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña