A CÁMARA LANZA UN PAQUETE DE CURSOS PARA FOMENTAR AS CAPACIDADES EMPRENDEDORAS DE PERSOAS INACTIVAS, DESEMPREGADAS E EN MELLORA DE EMPREGO.

15/05/2024

Conscientes da importancia da promoción do emprendemento e as vocacións empresariais para o incremento da base empresarial, a Cámara de Comercio de Santiago puxo en marcha unha serie de actividades formativas dirixidas a persoas inactivas, desempregadas ou en mellora de emprego que conten cunha idea ou proxecto de negocio e precisen apoio en aspectos clave da xestión empresarial, ben antes de constituírse como empresa, ou ben durante a súa consolidación, mellorando así as súas competencias emprendedoras e empresariais. 

“O obxectivo deste proxecto céntrase en detectar as necesidades formativas de persoas emprendedoras e empresarias, co fin de ofrecerlles un itinerario formativo que permita mellorar as súas competencias emprendedoras para fomentar o autoemprego e a actividade empresarial dentro da nosa demarcación territorial como a reacción máis eficaz fronte ao desemprego”- apuntou a Presidenta da Cámara, María Pais.

Estas actuacións enmárcanse dentro do Programa España Emprende, que é unha iniciativa impulsada pola Cámara de Comercio de España e a Cámara de Comercio de Santiago, e conta coa cofinanciación do Fondo Social Europeo dentro do período de programación 2021-2027 e polo Concello de Santiago de Compostela.  

Itinerario formativo

Componse de seis accións formativas, cunha duración de 30 e 60 horas, centradas en materias como “Márketing Dixital, E-commerce e RRSS”; “Liderado para emprender”; “Emprendemento Dixital”; “Xestión de Almacéns e Stocks”, “Ferramentas de xestión informática para o teu negocio” e “Tarefas administrativas básicas”.

A acción que abre o itinerario ““Márketing Dixital, E-commerce e RRSS”; comezará hoxe, 15 de maio, co obxectivo de formar en recursos tecnolóxicos a persoas que queiran desenvolver o seu proxecto neste sector emerxente que demanda un alto número de profesionais.

Durante o mes de xuño, impartiranse as accións “Liderado para Emprender” e “Emprendemento dixital”, dirixidas a persoas emprendedoras cunha idea ou proxecto de negocio, que precisen apoio en aspectos claves do liderado ou do emprendemento, respectivamente, ou ben antes de constituírse como empresa, ou ben durante a súa actividade, mellorando as súas competencias emprendedoras e empresariais.

A cuarta acción formativa “Xestión de Almacéns e Stocks” axudará aos participantes a mellorar os seus coñecementos de xestión de almacéns e stocks; mentres que a través do curso “Ferramentas de xestión informática para o teu negocio” preténdese mellorar as súas competencias ofimáticas básicas.

A última acción prevista, “Tarefas Administrativas básicas”, dará a coñecer ao alumnado participante como mellorar as súas competencias administrativas e a xestión do seu negocio.

 

 

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña