A CÁMARA ORGANIZOU DO 10 AO 12 DE MAIO UNHA LOCAL CREATIVE JAM EN RIBEIRA

16/05/2024

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela organizou este evento no que os participantes tiveron a oportunidade de desenvolver cinco propostas creativas que respondían a retos relacionados co tema “Turismo azul: Sustentabilidade e posta en valor dos recursos locais”.

A Local Creative Jam levada a cabo pola Cámara de Comercio de Santiago en Ribeira para o proxecto ATLIC chegou ao seu fin o pasado 12 de maio, culminando unha fin de semana chea de innovación e aprendizaxe, onde os mozos tiveron a oportunidade de elaborar cinco proxectos que buscaban solucións a retos relacionados co temática “Turismo azul: Sustentabilidade e posta en valor dos recursos locais”.

Ao longo dos tres días, os participantes descubriron e exploraron a economía azul a través de distintas formacións e actividades, entre elas unha visita á lonxa de Ribeira e á Illa de Sálvora, coas que puideron aprender sobre o proceso de pesca e venda e a historia, economía, flora e fauna da zona. Ademais, tiveron a oportunidade de competir nun “Masterchef” innovador no que tiveron que cociñar e poñer en valor distintas conservas que se lles ofreceron.

Finalmente, os equipos presentaron os seus proxectos ante un xurado formado por unha representante da lonxa de Ribeira, un empresario de turismo mariñeiro e a coordinadora do proxecto na Cámara de Comercio. O prototipo do equipo gañador “Mariño Blue” creaba un sistema de etiquetaxe que aseguraba a identificación e rastrexabilidade, entre outros, así como a transparencia para combater a competencia desleal. O segundo premio foi outorgado a “B.O.A.T: Based Organic Acuatic Transport” que creaba un barco cun sistema capaz de utilizar o cultivo creado na parte inferior do mesmo para xerar un sistema capacitado tanto para nutrir ao mar como para dar enerxía eléctrica ao barco.

Tamén se presentaron outros proxectos como “Peixe” co obxectivo de impulsar a educación e formación no sector marítimo, “Galician Marine Cosmetics” cuxo obxectivo era aproveitar o produto local, como as sardiñas, algas e ourizos, para crear unha liña de cosmética e “Mar do futuro” cuxa finalidade era axudar á substitución xeracional creando opcións atractivas no sector para os mozos.

Os equipos galardoados recibiron diversos equipos electrónicos e terán a posibilidade de participar nas próximas “International Jam” que terán lugar en Portugal, Irlanda e Francia.

O proxecto ATLIC está co-financiado polo programa Interreg Atlantic Area da Unión Europea.

 

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña