A XUNTA APOIA A FORMACIÓN DUNHA VINTENA DE MOZOS DESEMPREGADOS PARA EMPRENDER NO EIDO CULTURAL E CREATIVO

05/11/2019

Desde hoxe e ata o vindeiro 20 de decembro, un total de 25 mozos e mozas menores de 30 anos á procura de ampliar e mellorar as súas competencias profesionais poderán formarse na Cidade da Cultura a través do programa Transformación dixital, xestión empresarial e emprendemento nas industrias culturais e creativas. Trátase dunha iniciativa formativa da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, co-financiada pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, e pola Fundación Incyde, a través do Fondo Social Europeo. O curso, enmarcado no programa Operativo de Emprego Xuvenil, desenvolverase todas as semans no Centro de Emprendemento do Gaiás.

Na apertura do curso, celebrada esta tarde no Gaiás participaron a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Rosa Mary Cardeso; o director de proxectos da Fundación Incyde, Efrén Miranda; e a coordinadora do Centro de Emprendemento, Berta Álvarez-Buylla.

O curso está dirixido a mozos e mozas menores de 30 anos que non se atopan empregados nin participan nos sistemas de educación ou formación, vinculados ao mundo cultural e con interese en coñecer a importancia das industrias culturais e creativas, e a persoas emprendedoras que conten cunha idea de negocio e desexen realizar un proxecto viable de creación de empresa cultural para o seu posterior posta en marcha.

A formación inclúe módulos sobre temas como marketing dixital e estratexia; creatividade e innovación; branded content, social media e communitiy management; posicionamento SEO e SEM; ferramentas, datos e métricas; ou xestión financeira e xurídico-fiscal.

Ademais das sesións de formación conxunta, nas que se impartirán os contidos xerais do programa, o curso inclúe accións de acompañamento e titoría individualizada –destinadas a orientar a cada alumno en función do seu perfil profesional– e sesións de mentoría e seguimento –destinadas a apoiar aos participantes na creación do seu proxecto emprendedor–.

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña