O sector da moda na Cámara de Comercio de Santiago

29/01/2020

Onte celebrouse a xornada “Sector moda: ser sustentable ou non ser”, organizada pola Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia- COINTEGA Clúster Galego Téxtil Moda e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, coa colaboración das empresas AMSlab e Sigillum Knowledge Solutions.

Na xornada abordouse desde diferentes perspectivas a sustentabilidade na industria da moda, unha das tendencias craves do sector. Desde a Cámara de Comercio de Santiago, Fernando Pérez-Soba, técnico do Departamento de Comercio Exterior, presentou a convocatoria do Plan FOEXGA – actualmente aberta- para a participación na Conferencia Sustainable apparel and textiles que se celebrará en abril deste ano 2020 en Amsterdam. Este evento supón unha interesante oportunidade para as empresas galegas que queiran coñecer de primeira man como adaptan as súas prácticas as principais marcas de moda a nivel internacional, desde a transformación no proceso de manufactura, ata o compromiso coa economía circular, a redución de impactos no clima e a implicación dos consumidores.


Sebastián Cabo, Director de Desenvolvemento de Negocio de Sigillum Knowledge Solutions,  presentou a súa visión de como crear vantaxes competitivas nas empresas a través do desenvolvemento dunha estratexia de sustentabilidade diferenciadora, e Manuel Lolo, CEO de AMSlab expuxo a súa experiencia sobre o reforzo de marca a través da verificación da moda sustentable.

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña