A Xunta traslada a representantes empresariais as recomendacións sobre o coronavirus

09/03/2020

A Xunta púxose a disposición do tecido empresarial para asesoralo e avaliar a situación de cada sector co obxectivo de traballar desde a prevención e lanzar unha mensaxe de tranquilidade ante o coronavirus. Os conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, trasladaron esta mañá a representantes empresariais as recomendacións da Xunta e abordaron esta reunión informativa dende o punto de vista laboral para realizar xunto aos representantes empresariais unha primeira análise do posible impacto do coronavirus no tecido produtivo.

Este encontro enmárcase dentro do traballo que está a facer o Goberno galego para manter unha comunicación activa e permanente cos diferentes axentes sociais e socioeconómicos sobre o coronavirus. Neste senso, a Consellería de Sanidade xa mantivo reunións tamén no eido da educación e do turismo. De feito, o Executivo galego é consciente da importancia do traballo conxunto e a coordinación e por iso xa ten en marcha dende hai unhas semanas unha Comisión Interdepartamental para o seguimento do coronavirus COVID-19 e outras enfermidades emerxentes. Este órgano permite a coordinación e impulso das actuacións que se consideren precisas, máis aló do ámbito estritamente sanitario, de maneira que se minimice o impacto social e mesmo económico que poida causar a expansión destas novas enfermidades emerxentes.

 

 

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña