A Cámara de Comercio participou na presentación ao sector das liñas mestras do Plan de Turismo de Santiago para a reactivación do turismo

23/04/2020

O concelleiro de Turismo de Santiago, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, reuníronse telematicamente cunha ampla representación do sector turístico de Santiago.

Na reunión participaron representantes da Cámara de Comercio, Asociación Hostalaría Compostela, Cetur, Asociación de Guías Turísticos, Asociación de Axencias de Viaxes, Unión Hotelera, Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, Profesionais de Turismo de Galicia e o profesor da USC e experto en turismo, Xosé Santos.

A reunión tiña un dobre obxectivo: por unha banda compartir opinións e ideas respecto da situación xerada polo COVID-19 e por outra presentar ao sector as liñas mestras do Plan de Accións Especiais no que está traballando Turismo de Santiago.

O Plan de Accións divídese en tres liñas de traballo estratéxicas: análise dinámico da situación; accións dirixidas á captación e recuperación do turismo e ao posicionamento da cidade; e liñas de apoio dirixidas ao sector.

Dende Turismo de Santiago estase monitorizando a diario a situación da enfermidade en España e nos diferentes mercados internacionais para definir coa maior precisión posible onde focalizar os recursos de promoción cando se supere a situación de crise sanitaria.

Neste escenario, pártese da idea compartida por múltiples entidades e expertos de que os desprazamentos internacionais, máis aínda os de longo recorrido, tardarán en recuperarse e que o obxectivo neste primeiro momento debe ser captar turismo español e portugués que se desprace pola Península sen querer caer en aglomeracións.

Entre as medidas que se inclúen no Plan de Accións destaca un Novo Plan de Promoción, que se activará unha vez comecen a levantarse as medidas de restrición de movementos e que terá dúas liñas de traballo con dous obxectivos complementarios. Por unha banda, desenvolveranse accións a curto prazo destinadas ao mercado español de proximidade de cara a temporada de verán, se é posible, e segundo semestre do ano en xeral. Por outra banda, accións a medio prazo destinadas aos principais mercados internacionais de cara ao 2021 para aproveitar a oportunidade do Ano Santo.

O obxectivo é transmitir unha imaxe de destino seguro. Para isto é preciso que o sector se adapte as novas esixencias de distanciamento derivadas do COVID-19, con medidas como a eliminación dos almorzos-buffet, favorecemento do check-in on-line, redución dos aforos, limpeza das habitacións e espazos comúns...

Turismo de Santiago integrará no seu documento de traballo as propostas presentadas polo sector para poder activar as medidas contempladas no Plan de Accións unha vez remate a situación de emerxencia sanitaria.

 

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña