A ECONOMÍA ESPAÑOLA NON RECUPERARÁ O NIVEL DE PIB PREVIO Á CRISE ATA 2023

16/05/2020

A Cámara de España prevé un esborralle da economía española do 10,6 % este ano, que irá seguido dun rebote PIB do 4,3 % en 2021, insuficiente para compensar a contracción da actividade como consecuencia da pandemia do COVID-19. Segundo as previsións elaboradas polo Servizo de Estudos da Cámara de España, o PIB español non recuperará os niveis previos á crise ata 2023.

A intensidade da crise reflíctese no mercado laboral, que rexistrará un descenso do emprego do 8,7 % este exercicio cunha taxa de media de paro do 19,2 %. En 2021, a pesar da recuperación da actividade, a ocupación seguirá retrocedendo, un -1,8 %, e a taxa media de desemprego subirá ata o 20,1 %.

A demanda interna experimentará este ano un descenso do 11,1 %, lastrada polo consumo privado, que caerá un 12,6 %, e polo investimento, que baixará un 18,8 %, con agudos retrocesos tanto en bens de equipo, un -20,1 %, como en construción, un -22,7 %. Tanto o consumo dos fogares como a formación bruta de capital fixo en bens de equipo volverán a taxas positivas de crecemento en 2021, pero insuficientes para compensar as caídas deste exercicio.

Pola contra, o consumo público rexistrará unha forte subida este ano, un 6,2 % e o seguinte, un 3,8 %, como resultado do forte crecemento do gasto público e do endebedamento para facer fronte á crise. Como consecuencia, as Administracións Públicas pecharán 2020 cun déficit do 10,1 % que se reducirá ata o 7,4 % o ano que vén.

O sector exterior, que tamén mostra fortes descensos neste exercicio, volverá crecer o ano próximo. As exportacións de bens e servizos descenderán en 2020 un 20,1 % e as importacións un 24,5 %. En 2021, as vendas ao exterior crecerán un 13,6 % e a compra de bens e servizos un 13,3 %.

O saldo superavitario da Balanza de Pagos por conta corrente será en 2021 unha décima superior ao deste ano: 1,2 % en 2020 e 1,3 % en 2021.

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña