O Acordo da Sionlla senta as bases da creación do Polo de Innovación en Biotecnoloxía para facer de Santiago e Galicia un “referente” no sector

30/06/2020

O Centro Empresarial do Tambre acolleu hoxe a reunión da Mesa Institucional do chamado “Acordo da Sionlla”, á que asistirona conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez; o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; o reitorda Universidade de Santiago (USC), Antonio López Díaz; o vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago, José Carballo García; e o presidente da Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET), José Fernández Alborés.

O “Acordo da Sionlla”ten por obxecto a realización de actividades conxuntas que favorezan a reindustrialización empresarial, a promoción do asentamento de empresas e a captación de proxectos de investimento nos sectores biotecnolóxico e da madeira no parque empresarial da Sionlla,en Santiago de Compostela, entre os que principalmente destaca a creación dun Polo de Innovación en Biotecnoloxía.

José Fernández Alborés sinalou que o polo é un magnífico proxecto para Santiago que suporá “un antes e un despois para a súa industrialización”, xa que a cidade non perdeu industria senón que baixou o seu peso no PIB, baixando dun 20 a un 7% que ten na actualidade.

Xosé A. Sánchez Bugallo lembrou que se leva moito tempo traballando nunha iniciativa na que o Concello está desde o minuto un. Sinalou que “os obxectivos son ampliar a base económica da cidade e ofrecerlle un futuro aos nosos fillos, xa que Santiago é unha cidade onde o 70% dos mozos e mozas composteláns de idades entre os 25 e 30 anos teñen titulación universitaria e demandan oportunidades laborais que non se circunscriben ao sector do turismo”.

Ánxeles Vázquez explicou que xa desde febreiro están reservadas sete prazas no polígono da Sionlla, é dicir, 64.000 metros cadrados de solo para ter un Polo tecnolóxico e optar por un futuro centrado na innovación, a investigación e a tecnoloxía. “Agardamos que o polígono da Sionlla e Santiago sexan un referente de presente e de futuro” –manifestou–.

Francisco Conde apuntou que este “Acordo da Sionlla” é un esforzo colectivo, iniciado en 2016, das administracións da cidade e da Xunta, da universidade e as empresas. “Estamos desenvolvendo unha iniciativa con vocación industrial, a partires do coñecemento e do impulso da I+D” –sinalou–. Francisco Conde engadiu que o polo permitirá desenvolver proxectos de I+D, do cal a primeira iniciativa será un centro de fabricación avanzada a disposición do sector biotecnolóxico, cun investimento de preto de 5 millón de euros, que lle permitirá gañar competitividade e mellorar a súa posición no eido industrial.

Antonio López destacou que, actualmente, a universidade pasou de ser docente a investigadora, “converténdose en axente dinamizador do seu contorno”, que participa coa Administración e as empresas para mellorar as condicións de vida, de traballo e económicas da súa sociedade. “O polo biotecnolóxico xorde do coñecemento pero conta coa participación das Administracións e dos empresarios” –indicou–.

José Carballo García destacou a colaboración público- privada neste proxecto que é un paso máis para a industrialización de Santiago e a súa comarca. “Unha comunidade está en precario se non ten unha industria potente, e a das ciencias da saúde non é de menor valor, e máis no momento actual” –engadiu–.

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña