A Xunta e a Cámara de Comercio de Santiago reforzan a súa colaboración para impulsar o sector comercial e artesán

19/10/2020

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participou hoxe mediante videoconferencia na apertura dun taller sobre márketing dixital e redes sociais organizado pola Cámara de Comercio de Santiago co apoio da Xunta.

A inciativa enmárcase no convenio de colaboración entre o ente cameral e a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, dotado con 120.000 euros e mediante o cal se prevé poñer en marcha nos próximos meses diferentes accións para impulsar o sector comercial e artesán na comarca. Así, por unha banda, realizaranse sete cursos, dos cales cinco serán en liña, cos que se prevé beneficiar a máis de 200 profesionais. A temática abrangue o uso profesional das redes sociais, a paquetería comercial creativa, a venda en marketplaces, o márketing dixital, a iniciación ao comercio electrónico, o escaparatismo e a estratexia omnicanle.

Ademais, a cooperación entre a Xunta e a Cámara de Comercio de Santiago tamén inclúe accións para impulsar a Artesanía de Galicia, co obxectivo de incrementar o número de establecementos autorizados para a venda de produtos da marca.

Así mesmo, e entre outras iniciativas, prevese elaborar e difundir unha guía de estratexias de captación e fidelización de clientes para o comercio e a artesanía a través de ferramentas dixitais, e prestar un servizo de asistencia e asesoramento aos comercios retallistas no actual contexto económico.

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña