O Concello e a Cámara de Comercio convocan a XXI edición dos premios Manuel Beiras

19/11/2020

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela convocan a XXI edición dos premios Manuel Beiras, nacidos no ano 2000 e dedicados a recoñecer e poñer en valor as empresas que empregan habitualmente o galego na súa comunicación. Hoxe, o concelleiro de Educación, Rubén Prol; e Xabier Freire, membro da Cámara, presentaron as bases da nova convocatoria.

Nesta edición, coincidindo co vixésimo aniversario, revisáronse as bases para darlle maior presenza e relevancia ao premio. Segundo explicou Rubén Prol, "é o inicio dunha etapa nova na que deben gañar presenza e recoñecemento social para, con el, aumentar a valoración que o público poida outorgarlles ás empresas que posúen o galardón. Nese camiño, introducimos algunhas novidades e reforzamos as actividades que inclúe a convocatoria".

De común acordo coa Cámara de Comercio, revisáronse as normas que viñeron rexendo as anteriores convocatorias. Na nova redacción das bases "procuramos explicar con máis claridade que é o que estes premios queren recoñecer, os seus obxectivos e o que o xurado debe ter en conta para a súa escolla de empresas premiadas", subliñou o concelleiro. "Por outra parte, tendo en conta a sociedade compostelá non só acepta senón mesmo demanda, e desde logo valora, que as empresas empreguen o galego na súa rotulación, na publicidade ou en calquera outra manifestación, consideramos que é necesario nesta altura comezar a subir o listón para poñer o foco na calidade e na eficacia da comunicación realizada en galego". Consecuentemente créase unha nova categoría para premiar as accións -globais ou puntuais- das empresas que destaquen pola súa innovación, orixinalidade, impacto etc., e que poden convertérense en exemplos para esa mellora que se busca promover.

Esta categoría, que se entende como unha mirada ao futuro, con máis e mellor comunicación en galego por parte das empresas, vén substituír a distinción especial que recoñeceu ao longo destes vinte anos o compromiso de moitas persoas e entidades que foron pioneiras na incorporación do galego nos seus respectivos espazos.

Campaña de divulgación
Nestas semanas desenvolverase tamén unha campaña de divulgación dos obxectivos do galardón, que terá, ademais da presenza virtual, unha vertente presencial, na rúa e nos establecementos, porque, nesta convocatoria, non se quere esquecer a realidade dos negocios reais que dan vida ás rúas compostelás. Nesta ocasión, a mensaxe afonda na da edición anterior ("Aquí o galego ten cobertura") e dá un paso máis deixando patente que o galego nos conecta e nos fai visibles. Usar o galego é unha decisión estratéxica.

"Nestes momentos, en que as os negocios locais precisan de todo o noso apio e cando parece aumentar a sensibilidade da cidadanía polo próximo, o local, o sustentable, os valores intanxibles e a comunicación, non podemos deixar de poñer en evidencia que o emprego da nosa lingua propia é o mellor elemento para establecer esta conexión: distingue os establecementos locais nun contexto globalizado e facilita as redes de complicidade co seu público", rematou o concelleiro.

Pola súa banda, Xabier Freire destacou que, nun ano difícil como o que estamos vivindo, estes premios cobran, se cabe maior relevancia, "porque o esforzo de mantelo entre as dúas entidades é meritorio". Tamén destacou a "singularización e a posta en valor das empresas que utilizan o galego de forma normalizada e habitual, como unha parte máis da súa oferta" ás que agora se lle dá máis protagonismo, engadiu Freire, co cambio de bases.

Toda a información sobre a campaña pódese atopar na web www.premiosmanuelbeiras.gal, xunto ás bases do premio, así como información complementaria, vídeos e un histórico dos premios durante estes anos. Esta web, creada hai dous anos cun contido básico, foi xa medrando de maneira importante e reorganízase agora para convertela no referente de toda a información sobre os premios, tanto da convocatoria actual como das pasadas; complétándoa con novos contidos audiovisuais que se difundirán tamén a través das redes.

Presentación de candidaturas
Calquera persoa ou entidade pode formular propostas de candidaturas e tamén o poden facer as mesmas empresas candidatas.

A proposta debe achegar, na medida do posible, información sobre a práctica lingüística da empresa. Para facilitar a recollida desta información, as empresas candidatas poden sumarse a #galegoempresas (galegoempresas.santiagodecompostela.gal) que, ademais de incluír un autodiagnóstico contribúe á súa difusión pública, ou poden elaborar unha pequena memoria, para o que contarán co apoio, se o precisan, do Departamento de Lingua. Na web atoparán unha guía para facilitar a información que o xurado necesita. Como é habitual, a organización non fai público o nome das empresas que son candidatas, mais elas si poden publicitalo.

A convocatoria dese ano rematará co habitual acto de entrega dos premios ás empresas que o xurado elixa. Está previsto para o 21 de decembro e será no Teatro Principal. Maila as restricións en que estamos inmersos, programouse un acto que acollerá canto público permitan as normas anticovid, que tamén se emitirá en streaming. Haberá, como sempre, discursos de institucións e premiados pero haberá tamén sorpresas e humor para que o público poida pasar un anaco ameno en apoio do empresariado compostelán e do noso idioma.

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña