As empresas Moksín, Dinahosting e Revista Pincha, gañadoras dos Premios Manuel Beiras 2020

21/12/2020

O pasado día 15 de decembro de reuniuse o xurado dos Premios Manuel Beiras que, tras examinar as corenta e dúas propostas de empresas candidatas e das deliberacións oportunas, resolveu conceder os seguintes galardóns:

- Na categoría de nova incorporación ao galego á empresa Revista Pincha, da que destaca o enfoque fresco e moderno para tratar na nosa lingua contidos de amplo interese social como a cultura e a gastronomía e achegalos especialmente ao público novo.

- Na categoría de empresas cun uso continuado do galego, a Dinahosting, por poñer o galego nas tecnoloxías da información e da comunicación e contribuír a dotalo de ferramentas que o sitúen no panorama dixital, un dos retos principais da nosa lingua.

- Na categoría de empresa cunha comunicación innovadora, á zapataría Moksín, por implantar unha semente de lingua no corazón comercial de Compostela e no sector da moda e arrequentala cuns escaparates onde tradición e vangarda se colocan ao servizo dun relato que nos explica.

Tanto Rubén Prol coma Xabier Freire salientaron a importancia e o prestixio crecente dos premios, aos que cada vez se presentan máis empresas.

Os galardóns serán entregados nun acto que se celebrará esta tarde, a partir das 20.30 h, no Teatro Principal. Estará conducido por AldaoLado e poderá seguirse vía streaming a través da canle de YouTube do Concello de Santiago ou da páxina web dos premios (www.premiosmanuelbeiras.gal)

Premios Manuel Beiras
O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela convocan os Premios Manuel Beiras, que neste 2020 chegan á súa vixésimo primeira edición, co obxectivo de achegar un recoñecemento público ao uso do galego no ámbito empresarial, como eido de gran relevancia no proceso de normalización do uso social da lingua galega. Con este recoñecemento pretenden contribuír á difusión das boas prácticas comunicativas en galego e poñer de manifesto as vantaxes de incorporar a nosa lingua para o sector socioeconómico.

Pola súa vez, coa denominación destes premios, queren lembrar a figura do histórico comerciante compostelán Manuel Beiras García (1904-1996), destacado loitador da nosa cultura e da nosa lingua que foi membro das dúas institucións organizadoras.

O xurado
O xurado desta edición estivo composto por Rubén Prol Mariño, concelleiro de Políticas Lingüísticas, que presidiu a sesión; Xavier Freire Chico, en representación da Cámara de Comercio; Xosé Gregorio Ferreiro Fente, designado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Gumersindo Feijoo Costa, en nome da Universidade de Santiago; Darío Janeiro Pereira, representante do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; María Traveso Lago, designada pola Mesa pola Normalización Lingüística; Miguel López Crespo, en representación da Unión de Consumidores de Galicia; Cristian Fernández González, da empresa Strelia, premiada na edición anterior; Antonio Doñate Mañeru, en representación de Númax, empresa recoñecida en 2019; Amparo Pérez Díaz, en nome de Cantigas e Agarimos, distinción especial na XX edición dos premios. Actuou de secretaria a técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago.

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña