Banco Santander, Cámara de Santiago de Compostela e Cámara de A Coruña lanzan a sexta edición do Premio Pyme do Ano de A Coruña

02/03/2022

BASES (preme)

FORMULARIO INSCRICIÓN (preme)

 

Banco Santander, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e a Cámara de A Coruña convocan, en colaboración coa Cámara de España e o diario La Voz de Galicia, a sexta edición do Premio Pyme do Ano. O obxectivo deste certame é recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas como xeradoras de riqueza e creadoras de emprego no desempeño do seu labor cotián.

O prazo de presentación de candidaturas para o premio Peme do Ano 2022 comeza o 1 de marzo e pecharase ás 00:00 horas do próximo 30 de abril.

A esta nova convocatoria poden concorrer todas as pequenas e medianas empresas da provincia con menos de 250 empregados e cunha facturación inferior aos 50 millóns de euros ao peche do exercicio 2021 que teñan a sede social na provincia da Coruña.

Ademais da elección da Peme do Ano, o xurado poderá conceder, catro accésits nas categorías de Internacionalización, Innovación e Dixitalización, Formación e Emprego e Peme Sostible.

A empresa gañadora concorrerá ao Premio Nacional Peme do Ano 2022, que se fallará no primeiro trimestre de 2023.Igualmente, as empresas gañadoras dos diferentes accésits concorrerán ao Premio Nacional nas súas respectivas categorías.

Como participar

As empresas interesadas deberán encher o formulario de inscrición que atoparán nas páxinas web da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio da Coruña, onde tamén poden consultar as bases do concurso.

O xurado valorará nas súas deliberacións méritos como a creación de emprego, con especial atención ao emprego indefinido; as accións de formación para os empregados; a internacionalización da empresa; as iniciativas de dixitalización e innovación, así como os proxectos sostibles nos que participaron.

5.700 pemes participantes desde a creación do Premio

O Premio Peme do Ano consolídase con esta sexta edición como o galardón de referencia para as pequenas e medianas empresas españolas. O ano pasado, quinta edición do Premio, inscribíronse un total de 1.770 empresas das 50 provincias e a Ciudad Autónoma de Ceuta, e contou coa participación de 47 Cámaras de Comercio territoriais.

Desde 2017, ano do seu lanzamento, xa son 5.670 pemes que participaron neste certame.

 

 

 

 

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña