O presidente da Deputación de A Coruña visitou o coworking dixital da Cámara de Comercio de Santiago

12/05/2021

O presidente da Deputación de A Coruña visitou acompañado do Alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo, o novo espazo de coworking que a Cámara de Comercio de Santiago habilitou nas instalacións da entidade, no polígono de Costa Vella, e que ven de ser premiado de novo por Funcas e a Universidade Rey Juan Carlos como o mellor viveiro de España para a creación de empresas.

Foron recibidos polos vicepresidentes da Cámara, José Carballo e Jorge Lorenzo, que explicaron a intensa actividade que realizan desde a Cámara, que aglutina a numerosas empresas na áreas de Compostela e Barbanza, ás que inxecta fondos europeos que permiten levar a cabo políticas importantes como pode ser a dixitalización.

Ademais, dada a experiencia que a Deputación xa ten no ámbito da dixitalización e do traballo en rede a través da súa propia rede de centros de coworking, o vicepresidente da Cámara presentou o proxecto de espazo de traballo colaborativo dixital para estudar a posibilidade de traballar xuntos fomentando sinerxías que melloren o tecido empresarial, dean oportunidades a emprendedores e faciliten a súa dixitalización.

Neste sentido González Formoso salientou que “Galicia necesita deste tipo de colaboracións entre institucións e empresas, o que redundará nun beneficio da propia demarcación da Cámara e da provincia da Coruña” e, pola súa parte, José Carballo valorou a visita e destacou que “hablamos el mismo lenguaje y nos vamos a entender para ser útiles a las empresas de la demarcación”.

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña