A evolución da pandemia permite aumentar os aforos en Galicia

22/09/2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou esta mañá da decisión do comité clínico de ampliar os aforos nos distintos espazos e ámbitos da vida cotiá.

O anuncio prodúcese logo de que o comité de expertos avaliase a evolución epidemiolóxica dos concellos galegos nas últimas datas. Así, o titular de Sanidade apunto que “ a incidencia acumulada segue a baixar dun xeito rápido”, mais remarcou a necesidade de seguir a cumprir as medidas hixiénico-sanitarias establecidas.
Como regra xeral, as capacidades dos locais permitidas serán do 50% nos concellos con nivel máximo, e do 75% nos restantes niveis. Ademais non haberá límite de persoas, alén do que marque a distancia interpersoal de 1,5 metros.

Así mesmo, anunciou o establecementos do nivel medio de restricións nos concellos de Foz e O Barco de Valdeorras, mentres que o de Monforte de Lemos baixa ao nivel medio baixo. As novas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado, 25 de setembro.

Sobre o proceso de vacinación, García Comesaña subliñou que “Galicia volve a estar á cabeza da vacinación en España”, tanto na administración de primeira doses, como na porcentaxe de poboación con pauta completa. Neste senso, salientou que, desde o pasado 27 de decembro, Galicia leva administradas 4.336.936 doses. Así, a Xunta xa leva administradas 2.427 terceiras doses a persoas usuarias dos centros sociosanitarios galegos, e a persoas encadradas no grupo 7 -persoas con condición de alto risco covid- da estratexia de vacinación do Ministerio de Sanidade.

Por último, o responsable de Sanidade informou tamén do peche dos diferentes recintos de vacinación masiva que se habilitaron para levar a cabo, coa maior celeridade posible, a vacinación da poboación galega.

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña