Perspectivas Empresariais 2022

27/12/2021

As empresas españolas móstranse optimistas sobre as perspectivas da economía e a evolución dos seus negocios, e o seu nivel de confianza para 2022 está por encima da do conxunto de compañías, tanto da Unión Europea como da Eurozona. Así se recolle na Enquisa de Perspectivas Empresariais 2022, elaborada pola Cámara de Comercio de España en colaboración coas Cámaras de Comercio europeas, a partir da opinión de máis de 52.000 empresas, das que 2.287 son españolas e na que participaron 89 empresas da demarcación da Cámara de Comercio de Santiago.

Así, as perspectivas das empresas da demarcación de Santiago para 2022 en todas as variables estudadas (vendas nacionais, exportacións, emprego e investimento), e respecto ás variables no ano 2021 melloraron: 31,6% na cifra de negocio para 2022, fronte ao 8,1% no 2021; saldo de 33,3% nas vendas interiores, fronte ao 10,7%; un 31,8% nas exportacións, fronte ao 14,9%; e respecto ao emprego a previsión é destacable pasando dun saldo negativo no 2021 do -11,3% ao 5,5% para o 2022.

No relativo ao investimento, a diferenza entre as expectativas tamén é maior respecto ao 2021 cun saldo do 11,4% respecto ao anterior dun 4%.

Retos para o 2022

O optimismo das empresas da demarcación da Cámara de Comercio de Santiago atópase na liña das previsións de crecemento do 15,9% para 2022 publicadas pola Cámara de Comercio de España, aínda que se considera que esta evolución estaría suxeita a moita incerteza e condicionantes, como as dificultades de abastecemento de bens, compoñentes e materias primas; o comportamento dos prezos da enerxía e outras materias primas; ou o ritmo de execución dos fondos europeos NextGenerationEU.

Precisamente, os prezos da enerxía e materias primas (un 62,5% das empresas enquisadas) son considerados polas empresas da demarcación como o principal condicionante da súa actividade para 2022, seguido polos custos laborais (un 59,1% dos enquisados).

Outros condicionantes da actividade empresarial son: a escasez de personal cualificado (35,2%), a dixitalización do negocio para o 19,3% , as condicións da financiación (15,9%) e por último os requisitos de sostenibilidade medioambiental (4,5%).

Dificultades para afrontar o 2022

Entre as dificultades derivadas da pandemia, e que afrontarán as empresas da demarcación cameral  no 2022 encontramos como a máis reseñable, os cambios no comportamento dos consumidores (58,8% das empresas enquisadas); seguido do parón nas cadeas de suministro cun 45,9%; a posibilidade de novos confinamentos cun 38.8%; seguido das amortizacións e dos pagos asociados á débeda acumulada debido á crise da Covid-19 (32,9%) e por último ás restriccións para viaxar (15,3%) e a adaptación ao teletraballo (8,2%).

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña