Estudo Necesidades das empresas en recursos humanos

04/01/2022

O 49% das empresas, case 5 de cada 10 compañías, consideran que os traballadores cun nivel de cualificación correspondente ao de técnico, técnico superior e FP, son os que mellor se adaptarán ás súas necesidades futuras. Fronte a esta porcentaxe, apenas o 23,5% estima que o tipo de cualificación que necesitarán da súa forza laboral nunha contorna post- Covid, será o de graduado universitario, master e doutoramento; e o 19,3% cre que será o dun nivel de cualificación equivalente a ESO e graduados de primaria.

Así se desprende do estudo “Necesidades das Empresas en materia de Recursos Humanos nunha contorna post- Covid”, realizado pola Cámara de Comercio de España, e no que un 45,3% das firmas participantes, admiten que a pandemia supuxo impacto en materia de xestión de persoal. Un efecto de maior intensidade entre as compañías de maior tamaño, do sector servizos, e con menor antigüidade.

Ademais, o 56,1% das organizacións asegura que os profesionais máis demandados no futuro serán os relacionados co ámbito tecnolóxico, seguidos polos “Profesionais técnicos con FP” (27,7%) e os “Profesionais de ámbito comercial” (13,9%). Con todo, o 80,6% das empresas recoñece que antes da pandemia, non dispoñía dun departamento destinado á xestión do ámbito tecnolóxico e delas, unicamente un 12,6% admite detectar esa necesidade por mor da crise do Covid-19.

Auxe das habilidades brandas ou soft skills

Paralelamente, o 42,1% das compañías admite que as habilidades brandas ou soft skills gañaron peso dentro das competencias que requiren ao seu persoal, especialmente por parte das compañías de maior dimensión, máis novas e dedicadas a actividades de servizos. Entre estas soft skills, a “Xestión do tempo” é a máis valorada por un 50% das empresas. Séguenlle, “Traballo en equipo” (37%), “Habilidades dixitais” (27,8%) e “Creatividade” (27,3%).

O estudo tamén reflicte que o 49% das empresas adoptou un Expediente de Regulación Temporal de Emprego ( ERTE) nalgún momento durante a pandemia. Trátase dunha cifra algo máis elevada que a proporcionada polo INE xa que o ámbito temporal desta enquisa abarca todo o período da pandemia. No outro lado, entre as empresas que non utilizaron a ferramenta do ERTE, un 25,5% incorporou persoal durante ese período, sendo o perfil de “Técnico de apoio” o contratado polo 36,1% das compañías.

A información coa que se realizou o estudo foi directamente solicitada entre 400 empresas participantes nunha enquisa ad hoc levada a cabo durante o outono de 2021, e cubrindo todas as CCAA e tamaños de empresa, nos sectores de industria, construción, comercio, hostalería e resto de servizos.

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña