Emprendemento e Drons

17/03/2022

Unha vintena de mozas e mozos comezaron o programa de formación en emprendemento e drons da man da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e da Fundación INCYDE, en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Cidade da Cultura de Galicia.

Este programa formativo de sete semanas está destinado a mozos e mozas menores de 30 anos, ben sexan emprendedoras ou profesionais e que desexen iniciarse no sector dos Drons, que está a ter un crecemento exponencial nos últimos anos, existindo importantes posibilidades de actividade e negocio en ámbitos tan dispares como a agricultura, o medio ambiente, a vixilancia e as reparacións industriais, entre outras.

Na inauguración estiveron a directora xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez; a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, Rosa Cardeso; o director de proxectos da Fundación INCYDE, Ignacio Alvear; e telematicamente tamén participou, José María Párraga, subdirector do INCYDE.

Cámara de Comercio, Programa de formación e asesoramento para empresas e profesionais culturais
 
A Xunta de Galicia, en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, ten en marcha un Programa de formación e asesoramento dirixido a empresas e profesionais culturais, destinado a apoiar e mellorar a competitividade do sector nun momento especialmente delicado pola crise da covid-19. Con atención en liña e presencial na Cidade da Cultura os xoves e os venres, o servizo resolve dúbidas de carácter laboral, fiscal e mercantil relacionadas coas medidas postas en marcha para paliar as consecuencias económicas da covid-19 e asesora tamén sobre temas como fontes de financiamento, plan de negocio, business angels, apertura de novos mercados, ou internacionalización. 
 
Programa de formación 2022 

No marco do programa, ao longo do ano desenvolveranse distintas accións formativas centradas en ámbitos como emprego de novas tecnoloxías, internacionalización, xestión empresarial, ou desenvolvemento de novas liñas de negocio en eidos como os UAVs ouo drons. Estas accións formativas decorrerán maioritariamente en liña, con algunhas sesións presenciais.

 

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña