Presentación Ranking de viveiros Funcas 2022/2023

06/04/2022

O Centro de Iniciativas Empresariais ( CEI) da Fundación CEL Iniciativas por Lugo é o mellor viveiro de España, segundo a Clasificación de viveiros 2022/2023 elaborado por Funcas e a Universidade Rey Juan Carlos. Tras el sitúase o centro A Curtidora de Áviles seguido en terceira posición polo Viveiro de empresas de Vicalvaro (Madrid), que repite o seu posto da pasada edición. En cuarto lugar está o viveiro da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, que liderou a listaxe o ano pasado.

Pola súa banda, o CEEI Castelló é a aceleradora mellor valorada na clasificación, seguida de SHIP2 B de Barcelona e Cloud Incubator HUB de Cartaxena (Murcia), que xa ocupaba esta terceira posición na anterior edición. En cuarto lugar colócase Lanzadeira de Valencia.

A clasificación de Funcas e a Universidade Rey Juan Carlos persegue ofrecer unha radiografía do emprendemento a nivel nacional e presentar unha guía aos axentes do ecosistema ao identificar as mellores prácticas dos viveiros e aceleradoras. O informe realizouse con información de 88 viveiros e sinala que a presenza destes centros en España (420) é estable sen que a pandemia afectase de forma significativa ao seu funcionamento. Igual sucede co número de aceleradoras que pasaron de 21 estudadas en 2019/20 ás 35 da edición actual, o que evidencia a súa consolidación a pesar da crise.

A secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Rosa Cardeso, participou no acto telemático de presentación do informe Funcas 2022/2023 esta mañá. Na súa intervención, ademais de agradecer o recoñecemento a Funcas, quixo mencionar as tres señas de identidade que fan posicionarse e diferenciarse ao vivieiro de empresas da entidade cameral:

- Detrás do viveiro hai unha Cámara de Comercio, o que facilita suscribir convenios de colaboración coas entidades e as administracións públicas e ter encomendas de xestión

- Formar parte da rede INCYDE, a maior rede de viveiros de toda Europa

- E, por último exportar o saber facer do viveiro da Cámara coa participación como xestores de emprendemento de outros centros.

 

Viveiros públicos e con menos de cinco traballadores

A clasificación elaborouse segundo respostas de viveiros de todas as autonomías. As boas prácticas seguen sen estar monopolizadas por territorios ou cidades aínda que sobresaen algunhas rexións onde poderían darse as mellores: Madrid, Cataluña, Murcia, Castela A Mancha, Aragón e Castela León. O 40,5% dos viveiros está localizado en zona urbana fronte ao 45,2% de 2021, sendo a segunda localización os polígonos industriais (27%). O 60% é de xestión pública, un 35% de concellos e un 11% de Cámaras de Comercio.

O 80% dos viveiros ten cinco ou menos traballadores e só un 10% supera os 10. O seu obxectivo prioritario é a creación de emprego (94,38%), mediante a posta en marcha de empresas viables e sostibles (85,94%). Destaca nesta edición o crecemento de dous obxectivos: a transferencia de tecnoloxía (41,57% fronte ao 30,95% da edición anterior) e a innovación aberta (37,08% fronte ao 30,95%). Pasa tamén a cobrar maior importancia a responsabilidade social corporativa (16,85% fronte ao 10,71%). Ademais, os viveiros de empresas seguen tendo un foco xeral e non especializado (83,15%).

Aceleradoras novas e privadas

As aceleradoras destacan pola súa mocidade, por ser de orixe privada e non ter ánimo de lucro. O 85,71% puxéronse en marcha a partir de 2013; e o 60% teñen a súa orixe no ámbito privado, 10 puntos máis que no informe anterior. Do mesmo xeito que os viveiros, o seu tamaño é pequeno, o 77,14% ten un equipo de xestión de menos de cinco traballadores e só un 11,43% ten máis de 10.

O obxectivo da maioría é a creación de emprego (82,86%), seguido da transferencia de tecnoloxía (8,57%) e en menor medida da innovación aberta (2,56%), o que supón unha diferenza importante respecto a os viveiros. O seu principal obxectivo (82,86%) é a creación de emprego. O feito de que non predomine o ánimo de lucro ou a rendibilidade entre os seus obxectivos está ligado a que só un 14,29% das aceleradoras analizadas inviste nas empresas que apoia. O resto das aceleradoras ou non ofrecen financiamento (42,86%) ou esta é a fondo perdido (37,14%) ou con préstamos (5,71%).

Viveiros universitarios fronte a non universitarios

As universidades ven xa aos viveiros como un elemento de competitividade con outras universidades. O que se manifesta no público ao que van dirixidos, a súa especialización e o seu propósito principal. A metade dos viveiros universitarios diríxese a un público especifico, e dentro eles, o 75% a alumnos e/ou investigadores da universidade. O seu propósito principal é a creación de emprego, por diante da transferencia de tecnoloxía e a innovación aberta de edicións anteriores. Así, os viveiros universitarios comparten cada vez máis caraterísticas cos corporativos sen ánimo de lucro que cos tradicionais viveiros académicos. O

s viveiros universitarios teñen certas vantaxes competitivas a nivel estrutural, contan cun maior tamaño tanto en persoal como en número de emprendedores aloxados (a metade deles ten 25 ou máis oficinas). Así mesmo, teñen unha mellor infraestrutura de laboratorios, equipos, bibliotecas e servizos informáticos, ademais de expertos (92,86% nos universitarios fronte a 72,27% dos non universitarios). O maior tamaño dos edificios e infraestruturas permite realizar máis eventos de carácter emprendedor (92,9% na universitarios fronte ao 83,8% dos non universitarios) e levar a cabo un número maior de proxectos preincubados, 10 a 30, fronte aos 10 dos viveiros non universitarios.

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña