Representantes do Foro Civico reuníronse co alcalde para coñecer de primeira man o proxecto do Orbitaliño

06/07/2022

Representantes do Foro Civico reuníronse, no día de onte, no Salón Verde do Concello de Santiago co alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo; coa concelleira de urbanismo, Mercedes Rosón e; co concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel.

Nesta reunión o alcalde de Santiago fixo a presentación do proxecto do Orbitaliño que suporá un gran paso para resolver o acceso desde a N- 550 aos polígonos industriais da cidade.

O Foro Cívico acolleu con satisfacción este novo froito do acordo promovido desde o Foro  e que foi  subscrito en maio de 2019,  por todos os grupos políticos municipais. O Foro Cívico sempre considerou que existen varios asuntos de capital importancia para a cidade que deben quedar fóra da disputa partidaria.

Entre os acordos suscritos, no seu día, por todos os grupos políticos con representación no Concello  estaban, a industrialización,  a intermodal, a EDAR, a modernización da administración local e, a mellora das conexións e infraestruturas: A-54 e o Orbitaliño.

Os accesos desde a A-54 aos polígonos industriais, co Orbital xa en obra e, desde a N-550 co Orbitaliño,  cun proxecto, por un importe de máis de 25 millóns de euros,  poderá ser incluído nos orzamentos do 2.023 polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana (MITMA) e,  así facerse realidade.

O Foro Cívico agradece, unha vez máis, a todos os grupos políticos o seu talante dialogante e o apoio sen fisuras a estes proxectos que son estratéxicos para o futuro de Santiago.  Despois de anos de atrancos, de tempo perdido, esta unidade de acción vai permitir que por fin estes proxectos estean a piques de facerse realidade. 

O Foro Cívico seguirá exercendo presión nos temas prioritarios para Santiago e convida á cidadanía, ás entidades e organizacións que teñen como obxecto a mellora das condicións de vida dos composteláns e das compostelanas, que  apoien estes “proxectos de cidade” , xa que a cidade e cousa de todos.

 

 

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña