A Xunta convoca as axudas Emega de fomento do emprego feminino con 4,4 M€, o maior orzamento da súa historia

12/07/2022

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria do programa Emega de fomento do emprendemento feminino que, cun orzamento histórico de case 4,4 millóns de euros (un 34% máis que o ano pasado), prevé outorgar 275 axudas, un 18% máis que en 2021, no que se concederon 234. As mulleres emprendedoras poden cursar as súas solicitudes desde mañá e ata o próximo 12 de agosto.

O crédito da convocatoria experimenta na anualidade 2022 un incremento significativo, co obxectivo de ofrecer o maior volume de recursos para favorecer a iniciativa empresarial das mulleres e brindarlles maiores oportunidades para diminuír as fendas de xénero.

O programa Emega comprende axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos.

Máis información

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña