40 empresas galegas á procura de competitividade e internacionalización

15/09/2022

O Pont-Up Store ofrecerá este ano máis de 30 actividades relacionadas co ecosistema emprendedor, e máis da metade serán sesións destinadas a adquirir ou mellorar competencias básicas ou específicas. Entre as competencias básicas, haberá sesións dedicadas ás posibilidades de financiamento na pequena empresa; ás axudas e subvencións; e á aceleración, dixitalización e neuromarketing para PEMEs. Con respecto ás competencias específicas, destacan as relativas ás empresas de economía social e dos emprendementos sostibles. De feito, a economía social é unha fórmula que vai en aumento entre os novos emprendementos ano tras ano. Nesta edición, o 12% das solicitudes presentadas correspondíanse con cooperativas. E máis alá, da da fórmula xurídica, a sostibilidade en todos os seus ámbitos tamén se consolida como un eixe transversal presente na maioría dos novos emprendementos que participan nesta edición. En total, vanse presentar 39 startups galegas; 35 serán empresas con stand, das que 4 desenvolverán actividades demostrativas na carpa e outras 4 participarán tamén no talent show Pont-Up Exprés, onde  un total de 7 iniciativas empresariais presentarán as súas ideas de negocio ante un xurado composto por 4 representantes de importantes entidades e empresas galegas

O encontro ofrecerá tamén a oportunidade de facer un primeiro achegamento ás posibilidades de internacionalización ao alcance dos novos emprendementos galegos. Serán un total de 4 sesións: unha dedicada a orientar a emprendedoras e emprendedoras sobre os primeiros pasos necesarios para a internacionalización, outra dedicada a presentar o proxecto europeo HEI4Future, do european Institute of Innovation & Technology, e outras dúas inseridas dentro do programa Ticket2Europe, que está xestionado desde a Cámara de Comercio de Santiago e que serán impartidas en inglés: Starting Up! dirixido a alumnado da Escola Valle Inclán que están a participar no programa Erasmus+; e International Opportunities for entrepreneurs que presentará as experiencias de varios emprendementos que están participando en programas internacionais.

Un Erasmus para as persoas que emprenden

Na sesión "oportunidades internacionais para o emprendemento", a técnico da Cámara de Comercio de Santiago, Belén Mendoza, presentará o programa europeo "Erasmus para Emprendedores". Este programa é unha iniciativa da Unión Europea que promove a actividade emprendedora mediante a aprendizaxe e a transferencia de coñecementos a través do intercambio transnacional de mozas e mozos emprendedores e tamén PEMEs. O programa creouse no ano 2009 e financiou xa máis de dez mil intercambios. A Cámara de Comercio de Santiago está a cargo da súa xestión ata o ano 2027, e será a responsable da xestión dun orzamento de 300.000 euros destinados a axudas neste novo período.

 
Mendoza estará acompañada polo emprendedor ucraíno Antón Vynarchyk, que está facendo o seu intercambio de emprendemento no albergue "O refuxio de la jerezana” de Redondela dende o mes de xullo, Antón contará a súa historia de emprendemento e como o programa lle está a axudar para buscar unha alternativa de negocio. Este mozo, a quen sorprendeu o comezo da guerra fóra do seu país, tiña unha promotora musical en Kiev dende hai máis de tres anos e está vendo as opcións de poder ofrecer aquí en España un servizo similar que lle permita mover polos circuitos nacionais e europeos aos músicos que, coma el, están fora de Ucraína durante este período bélico.

CONSULTA OS EMPRENDEMENTOS SELECCIONADOS

CONSULTA O PROGRAMA

 

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña