PREMIO MANUEL BEIRAS AO USO DO GALEGO NA EMPRESA

30/11/2022

Que son os Premios Manuel Beiras?

De acordo coa normativa e co que a situación da nosa lingua recomenda, as institucións públicas teñen a obriga de impulsar e apoiar o uso do galego na sociedade.

Un dos ámbitos máis relevantes para manter e aumentar o emprego do galego nas relacións sociais é o económico, onde son determinantes as prácticas comunicativas das empresas. Co fin de reforzar e incentivar a presenza do galego neste tipo de comunicación, o Concello e a Cámara de Comercio crearon no ano 2000 estes premios.

Os Premios Manuel Beiras son un recoñecemento público para as empresas que responden ao obxectivo social de empregar o galego e queren contribuír a poñer de manifesto o seu compromiso e a súa boa práctica diante da cidadanía.

En que consisten?

O premio ten un contido simbólico e non supón ningunha prestación económica mais é unha ocasión para aumentar a visibilidade pública das empresas premiadas.

Ademais da difusión que lles achegan as dúas institucións convocantes nas súas canles habituais, os medios de comunicación dedican espazos a presentar as empresas galardoadas e estas poden, pola súa vez, aproveitar toda esta presenza a través, por exemplo, das redes sociais.

Por outra parte, amosar a posesión do Premio Manuel Beiras é un xeito de presentarse ante  a sociedade como un negocio asentado en Santiago, que garante o respecto polo galego e o emprega con normalidade, tendo en conta que é o idioma habitual da nosa veciñanza, que se percibe con agrado pola maioría da poboación e que está asociado a valores positivos como a proximidade, a confianza ou a fiabilidade.

 

Quen pode optar ao premio?

Calquera empresa, do sector que sexa, grande ou pequena, que se radique no municipio ou que  teña no noso territorio unha presenza importante.

A candidatura pode ser presentada pola propia empresa ou suxerida por outra persoa ou entidade allea.

As empresas que desexen ou acepten (porque alguén as propón) seren candidatas deberán facilitar información sobre a súa práctica lingüística para que poidan ser convenientemente avaliadas polo xurado.

 

Que hai que facer se quero presentar unha candidatura?

Comunicar a proposta ao Departamento de Lingua do Concello, dlg@santiagodecompostela.org, ao Departamento de Comunicación da Cámara de Comercio de Santiago, informacion@camaracompostela.com  Se é posible, convén achegar algún dato que facilite a localización da empresa.

Para que o xurado poida avaliar adecuadamente os méritos das candidaturas é necesario facilitarlle información.

  • Pode facerse cunha pequena memoria onde se dea conta dos usos lingüísticos da empresa nas diferentes canles (presenciais/virtuais, orais/escitas, formais/informais...). Pode servir de axuda para elaborala a guía que atopa nesta ligazón. Debes ligar el documento llamado MEMORIA
  • Tamén pode incluírse a empresa na plataforma galegoempresas.santiagodecompostela.gal, xa que para inscribirse nela é necesario responder un cuestionario sobre a práctica comunicativa en galego. Isto non impide que se envíe tamén a memoria ou outro tipo de soporte que achegue información sobre iniciativas máis salientables da empresa en apoio do idioma, ou que se complete con imaxes e documentos cos que ilustrar e comprobar os méritos que se consideren.

Cantos premios se convocan?

As bases da convocatoria, prevén tres categorías anuais:

Empresa cun uso continuado da lingua galega
Poderán optar a esta categoría as empresas que utilizan a nosa lingua de xeito habitual na súa comunicación desde, cando menos, cinco anos atrás e son percibidas globalmente como empresas que funcionan en galego.

Empresa de nova incorporación ao uso da lingua galega
Inclúense nesta categoría aquelas que comezaron a empregar o galego nos últimos cinco anos, ben porque foron creadas nese período ben porque mudaron as súas políticas lingüísticas, e que son recoñecibles como empresas en galego.

Empresa innovadora no uso do galego
Esta categoría premia unha empresa que destaque pola innovación da súa comunicación en galego ou por algunha campaña ou soporte concretos, tendo en conta a súa orixinalidade, impacto, introdución en novos ámbitos TIC ou calquera outro aspecto anovador ou de eficacia comunicativa.

 

Onde podo obter máis información?

Nesta mesma web pode atopar as bases completas que rexen o premio e facer un percorrido polas edicións anteriores, onde verá que empresas foron recoñecidas, testemuños en vídeo, imaxes dos diferentes eventos, as novas da convocatoria actual etc.

Tamén pode contactar co Departamento de Lingua Galega do Concello, dlg@santiagodecompostela.gal, ou coa Cámara de Comercio, informacion@camaracompostela.com, para resolver calquera dúbida.

 

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña