PLAN CONECTA FP GALICIA 2023-2025

28/02/2023

A presidenta da Cámara de Comercio de Santiago, María Pais, participou hoxe, acompañada polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, no acto de presentación do Plan Conecta FP Galicia 2023-2025, o cal, mediante a  colaboración público-privada para o establecemento de ofertas de formación profesional á medida, busca estreitar os lazos entre o sector educativo e o sector produtivo, co fin de dar resposta ás necesidades das empresas, no que se refire á formación e cualificación de traballadores.

Na súa intervención, a presidenta, destacou a importancia da FP Dual como unha realidade de futuro ao permitir acercar o mercado laboral á realidade socioeconómica. Considera que o feito de que as empresas non atopen traballadores cando o 30% dos nosos mozos non ten traballo, é unha anomalía estrutural insostible. Non se deben normalizar as cifras de desemprego xuvenil, polo que recalcou “a necesidade do máis amplo consenso político e institucional e unha visión estratéxica compartida co noso tecido empresarial para ofrecer aos nosos mozos, e á nosa sociedade en xeral, oportunidades laborais de calidade.

Este consenso debe dar eficaz resposta a tres grandes retos:

1.-Atracción.- incrementar as matriculacións en FP, especialmente nas familias formativas con maior demanda no mercado laboral. Desta forma a FP actuará como motor para mellorar a eficiencia do mercado laboral.

2.-Cooperación.- implantando mecanismos permanentes de cooperación entre o mundo empresarial e os centros educativos.

3.-Capacitación.- adecuar a capacitación profesional ás demandas do mercado real. Nin sobrecualificación nin infracualificaciones, polo que animou a “traballar no equilibrio da man do sector empresarial e educativo”.

 

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña