A CÁMARA DE COMERCIO DE SANTIAGO CONVOCA 13 ACCIÓNS DE INTERNACIONALIZACIÓN ATA OUTUBRO 2023

16/03/2023

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela anuncia unha nova publicación de accións recollidas dentro do “Plan de misións comerciais para Pemes e grandes empresas 2023” publicado no DOG este pasado martes. Financiadas polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) cos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), teñen por obxectivo a mellora da competitividade e promoción da internacionalización das empresas galegas.

Cun lote total de 250 mil €, a Cámara de Santiago anunciará a convocatoria progresiva de 13 accións que se realizarán ate o 31 de outubro de 2023. O paquete componse así por misións internacionais, visitas e participacións en eventos e feiras de múltiples sectores, destinados tanto para as Pemes como non Pemes. Así mesmo as subvencións dispoñible serán de ata un 90% para as pequenas empresas e un 70% para as grandes. Entre as zonas de actuación, destácase a forte presenza de accións en Oriente Medio, Sudamérica e EE.UU para o sector biotecnolóxico.

Do mesmo xeito, cómpre salientar a presenza do sector da biotecnoloxía, un campo pioneiro na zona grazas ás continuas colaboracións entre a Universidade de Santiago de Compostela e o CHUS. A Bio International Convention de xuño en Boston, e a BioJapan de outubro en Yokohoma presentan oportunidades chave de partenariado para todas aquelas empresas biotech interesadas. O sector agroalimentario e de maquinaria para alimentación tamén se atopa representado a través de feiras como a Anuga en Alemaña, unha das máis importantes do mundo, ou a Expopesca de Ecuador.

No ano pasado conseguíronse excelentes resultados no sector biotecnolóxico en India e EEUU e noutros sectores en países como Chile e Colombia. O sector agroalimentario segue atopando nos países europeos os seus principais nichos de mercado con produtos de gama cada vez máis alta con incorporación de valores ecolóxicos e sostibles.

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña