O viveiro de empresas da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, situado no polígono santiagués de Costa Vella, foi recoñecido como a terceira mellor incubadora de España, segundo os resultados da Clasificación Global da Fundación das Caixas de Aforros (FUNCAS).
Este novo recoñecemento vén a sumarse aos xa obtidos pola entidade en anos anteriores, consolidándose no TOP 3 dos mellores viveiros de empresa na categoría de viveiros avanzados “pola cantidade e calidade dos servizos prestados”.
Esta clasificación está enmarcada no informe titulado “Os servizos que prestan os viveiros e aceleradoras de empresas en España, clasificación 2023-2024”, traballo asinado por cinco investigadores que se estende ao longo de 135 páxinas. O estudo analiza case un centenar de viveiros de empresas radiografiando a súa actividade en catro apartados: difusión do espírito emprendedor, preincubación, incubación básica e graduación. En todos eles o viveiro da entidade compostelá ocupa un papel destacado, sendo recoñecida no primeiro posto da clasificación na categoría de “graduación” e o segundo na categoría de “fomento do espírito emprendedor”.
Na actualidade, no viveiro de empresas da cámara, estanse incubando 28 empresas –13 no viveiro físico e 15 no viveiro virtual–, cunha taxa de ocupación aproximada do 80%. Desde a súa creación en 2006, pasaron polo viveiro cameral máis de duascentas empresas, das cales, 170 continuaron a súa actividade empresarial con éxito fóra del, polo que finalmente a taxa de supervivencia empresarial sitúase nun 85%.
Este ano, ademais, a entidade cameral deu un salto máis na prestación de servizos ás empresas, incorporando ao seu Viveiro de Empresas o “Coworking Dixital Ccompostela” orientado a favorecer a transformación dixital das pemes, a través de programas específicos de acompañamento, incubación e aceleración de empresas.