REUNIÓN DE DIRECTIVOS DE EL CORREO GALLEGO CO FORO CÍVICO DE SANTIAGO NO CENTRO INTERNACIONAL DE PRENSA DE GALICIA

20/09/2023

Dirixentes do Foro Cívico de Santiago, plataforma promovida pola Cámara de Comercio e na que están integrados diversos colectivos profesionais da cidade, mantiveron un intercambio de impresións no Centro Internacional de Prensa de Galicia, que xestiona a Asociación de Xornalistas de Santiago (APSC/FAPE), cos novos directivos do diario local El Correo Gallego, Xaime Leiro, director e Jaime Abellas, xerente. Os dous invitados explicaron o proxecto do novo diario do grupo Prensa Ibérica destinado á cidade e a súa comarca, que leva seis meses de rodaxe tras a súa adquisición en poxa xudicial. Segundo Leiro, o novo Correo Gallego esfórzase diariamente por dar unha nova imaxe do xornal e a súa cabeceira centenaria chea de profesionalismo, vocación compostelá e proximidade “pero sen filias nin fobias”, asegurou. O seu xerente, Jaime Abellas, insistiu na experimentada vocación de Prensa Ibérica pola prensa local en toda España con máis de 40 cabeceiras.

O portavoz do Foro Civico, Carlos García Cumprido, do Colexio de Avogados, enmarcou o encontro nunha serie dinámica de relacións con diversos sectores cidadáns para aunar vontades en favor da cidade e as súas necesidades máis perentorias desde o incremento de chan industrial, a mellora das infraestruturas, a taxa turística ou a optimización da imaxe de Santiago no exterior.

O Foro Cívico de Santiago de Compostela, é unha plataforma de traballo que reúne a institucións, asociacións e colexios profesionais da capital galega como son a Universidade de Santiago de Compostela, a Cámara de Comercio de Santiago, a Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago e Comarca, a Fundación Santiago Centro, a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, a Asociación de antiguos alumnos e amigos da USC (ALUMNI), Compostela Solidaria, o Rotary Club, a Real Sociedade Económica de Amigos do País, a Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, a Asociación de Xornalistas de Santiago, Unión Hotelera Compostela, o Colexio Maior A Estila, o Colexio de Avogados, o Colexio de Procuradores, o Colexio de Economistas, o Colexio de Arquitectos, o Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia e o Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais. Entre todos representan en torno ao 85% do PIB da cidade.

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña