REUNIÓN ENTRE A CÁMARA DE COMERCIO DE SANTIAGO E A USC

28/11/2023

A Presidenta da Cámara de Comercio de Santiago, María Pais Fajín, e o Reitor da Universidade de Santiago, Antonio López Díaz, reuníronse esta tarde na sede do Reitorado co obxectivo de buscar fórmulas de colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e a entidade cameral co obxectivo de achegar o mundo empresarial ao ámbito educativo. Á reunión asistiu tamén a Secretaria Xeral da Cámara, Rosa Mary Cardeso Trillo.

A Presidenta da Corporación cameral, destacou a importancia de que a Universidade esté en contacto permanente coa empresa, co obxectivo de que o coñecemento xerado no ámbito universitario poida retornar á sociedade en forma de novas iniciativas empresariais. Neste sentido sinalou que “EMPRESA E UNIVERSIDADE, teñen que ser conceptos imbricados, teñen que funcionar como unha engrenaxe. Non nos podemos permitir como sociedade que todo o coñecemento que se xera nos grupos de investigación acabe nun caixón. Ese coñecemento ten que reverter á sociedade, e que mellor forma de facelo que a través da súa conversión en iniciativas empresariais que satisfagan as necesidades desa mesma sociedade e contribúan á xeración de emprego e riqueza no territorio”


De igual forma sinalou a necesidade de que se teñan en conta as necesidades do tecido empresarial no deseño dos plans de estudo dos distintos graos, de forma que haxa unha correspondencia entre a formación dos nosos mozos e as demandas das empresas nunha contorna cada vez máis globalizada e exposta a unha gran volatilidade e constantes transformacións. Non poden obviarse “as dificultades actuais de sectores claves da economía para atopar persoas para cubrir determinados postos de traballo relacionados con novos perfís profesionais ou de carácter eminentemente técnico”

Pola súa banda, o Reitor, avogou por seguir mantendo a colaboración coa entidade cameral en proxectos como a Incubadora de Alta Tecnoloxía, Bioincubatech, orientada ao fomento da innovación e transferencia de biotecnoloxía na o ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias ás micropemes ou o Biopolo Sionlla, o Polo Biotecnolóxico de Galicia, pensado para ser un enclave de referencia para entidades e empresas biotecnolóxicas de calquera procedencia, así como explorar novas fórmulas que permitan intensificar esa colaboración para que as iniciativas que se están xerando na Universidade poidan ser coñecidas e “utilizadas” polas empresas da demarcación cameral.

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña