A EVOLUCIÓN DOS TEMAS ESTRATÉXICOS DA CIDADE ANALIZÁRANSE NAS PRÓXIMAS XUNTANZAS DO FORO CÍVICO

03/12/2023

O Foro Cívico de Compostela, plataforma promovida pola Cámara de Comercio e na que están integrados diversos colectivos empresariais e profesionais da cidade, convocará nas vindeiras datas ao equipo de goberno e ao resto de grupos municipais co obxectivo de solicitar información ao respecto do estado de situación dos temas cruciais para a cidade. Ademáis dos temas xa recollidos no documento asinado no ano 2019, preténdese que os representantes municipais dean conta dos asuntos estratéxicos recollidos no documento asinado o pasado mes de maio, así como doutros que poidan considerarse de interese na actualidade.

O luns, 11 de decembro, ás 19.00 horas, na sede do Colexio de Avogados, será a quenda do equipo de goberno representado pola Alcaldesa, Goretti Sanmartin. Posteriormente, o mércores, 13 de decembro, ás seis da tarde, na sede da delegación en Santiago do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de A Coruña, será o grupo municipal PP, representado polo seu Presidente, Borja Verea, quen informe aos integrantes do Foro e, a continuación, ás sete e media, tomará a palabra, Gonzalo Muíños, portavoz do grupo municipal socialista.

O Foro Cívico considera que é preciso facer un seguimento da evolución dos temas mollares para o desenvolvemento da cidade, aos que as forzas políticas municipais se comprometeron a apoiar baixo o liderado da Alcaldesa elexida nas pasadas eleccións, co obxectivo de coñecer o avance na execución dos mesmos, posibles problemáticas detectadas e solucións plantexadas, así como impulsar a súa posta en marcha e finalización nos prazos inicialmente previstos.

Neste sentido, temas como a demora nos prazos e execución, xunto ao sobrecusto, da nova licitación da E.D.A.R (Estación Depuradora de Augas Residuais); a insuficiencia da capacidade da estación intermodal para atender á actual demanda de viaxeiros; o problema do dimensionamiento e planificación do espazo destinado ao Hospital Clínico Universitario de Santiago; a falta de solo industrial para o asentamento de novas empresas e o desenvolvemento de actividades loxísticas e a súa proxección e planificación a longo prazo; a escaseza de oferta accesible e de espazo habitacional para vivenda social e a xestión e promoción turística sustentable de cara os próximos anos, serán algúns dos temas obxecto de debate, xunto con outros de interese na actualidade. 

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña