XXIV EDICIÓN PREMIOS MANUEL BEIRAS

19/12/2023

No día de onte tivo lugar o acto de entrega da XXIV edición dos  premios Manuel Beiras presidida pola presidenta da Cámara de Comercio de Santiago, María Pais, e pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. O lema desta edición foi “En galego, naturalmente”.

A empresa Limpezas Salgado resultou premiada, na categoría de Uso continuado do galego . Na súa decisión, o xurado tivo en conta a súa "inquedanza cultural" e que sexa unha empresa "moi implantada en Compostela". Valorouse tamén que "o amplo espectro da súa interacción fai que o galego estea presente, nun contexto non sempre favorable, a través do persoal que a propia empresa forma en galego".

Entrelampo resultou galardoada na modalidade de Nova incorporación, "unha iniciativa cooperativa que introduce a responsabilidade social como valor de base", da que se valorou o seu labor levando "o produto de proximidade ao mercado, cunha coidada comunicación de marca, desde o rural compostelán á vez que visibiliza e xera emprego para as persoas con problemas de saúde mental".

E no apartado de Comunicación innovadora o premio Manuel Beiras 2023 foi para E.Nova Enerxía, empresa que naceu ao abeiro do Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio de Santiago, "unha empresa con asentamento e capital galego que amosa a súa sensibilidade lingüística nun sector dinámico e en crecemento, mais habitualmente alleo ao noso idioma", segundo di o xurado.

O xurado estivo formado este ano pola alcaldesa máis Manuel Rial Amado, da Cámara de Comercio de Santiago, en calidade de presidente do xurado; Gregorio Ferreiro Fente, da Secretaría Xeral de Política Lingüística; Ernesto Xosé González, da Universidade de Santiago; Xaquín Loredo Gutiérrez, do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega; David Lombao, en nome do Colexio de Xornalistas de Galicia; Miguel López, da Unión de Consumidores de Galicia; Rebeca Sánchez, de Abeluria Sociedade Cooperativa Galega, e premio Manuel Beiras á nova incorporación ao uso do galego 2022; e Xosé Barreiro (Pío), da libraría Komic, gañadora desta distinción en 2022 polo uso continuado do galego.

O Concello e a Cámara de Comercio colaboran desde o ano 2000 nesta convocatoria anual duns galardóns que recoñecen e poñen en valor as empresas que empregan habitualmente o galego na súa comunicación. O nome deste recoñecemento lembra a labor feita por Manuel Beiras García (Santiago, 1904-1996), graduado na Escola de Comercio da Coruña, exerceu a súa profesión en varios establecementos do ramo téxtil en Compostela, onde foi membro da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago.

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña