A CÁMARA SUSCRIBE CO CONCELLO O V PACTO LOCAL POLO EMPREGO DA CIDADE DE SANTIAGO

28/02/2024

A Presidenta da Cámara, María Pais, participou no día de hoxe no Pazo de Raxoi -xunto ás principais organización sindicais e empresariais do territorio, entre as que se atopan a Universidade de Santiago de Compostela, as centrais sindicais U.X.T. e CC.OO., a Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, as Asociacións de Empresarios Hostalería de Santiago e Hostalería.gal, e a Asociación Plataforma polo Emprego- na sinatura do V Pacto Local Polo Emprego da Cidade de Santiago 2024-2027.

O obxectivo do documento é lograr un mercado de traballo que ofreza oportunidades laborais para todos e todas, con políticas activas de emprego que se anticipen aos retos do futuro do traballo e que permitan integrar, a nivel local, os recursos públicos procedentes de todos os niveis da administración que afectan ao emprego e ao desenvolvemento local, asentando as bases que permitan implantar unha actividade económica produtiva e sostible; apoiando ás pemes, aproveitando o coñecemento e a experiencia, aplicando a innovación e a dixitalización, adaptando e fortalecendo os recursos endóxenos e o tecido produtivo existente, así como atraendo investimentos, empresas e talento.

O acordo busca mellorar a política municipal de promoción produtiva e laboral, contribuír á creación e mantemento de emprego xusto, decente e de calidade, e dun emprendemento sostible e inclusivo, acompañando a todas as persoas ao longo da vida laboral a través da orientación e a formación, e colaborando activamente cos axentes e as empresas na incorporación do talento para mellorar a súa competitividade.

Para iso, recóllense 78 Metas vinculadas a 17 Obxectivos Estratéxicos articulados en 4 liñas estratéxicas: apoiar ás persoas para o emprego, impulsar o desenvolvemento económico e o emprego, transición do modelo produtivo cara a sostibilidade, o emprego e o ben común e fortalecer o traballo en Rede de Axentes e colaboración público – privada. Establécense ademais 6 principios transversais ao conxunto das actuacións realizadas no marco do Pacto Local polo Emprego.

María Pais, Presidenta de la Cámara compostelana, valorou moi positivamente a iniciativa e salientou a importancia de seguir traballando no ámbito da colaboración público-privada, apostando pola posta en marcha de actividades coordinadas entre os distintos axentes esenciais na vida económica e laboral do municipio, que contribúan, a complementar e reforzar as actuación públicas, co fin de alcanzar maiores niveis de desenvolvemento económico e social na cidade.

“Mellorar os niveis de emprego e a súa calidade e estabilidade, especialmente dos colectivos con maiores problemas de inserción; desenvolver medidas de apoio ao emprendemento e o emprego autónomo; favorecer a captación e retención do talento; conectar o coñecemento xerado no eido universitario co mundo empresarial e, proporcionar un contexto favorable para o asentamento de novas empresas, potenciando a industrialización da Cidade, son retos ineludibles para a mellora da competitividade do noso tecido produtivo, e por ende, da nosa economía”- sinalou.

Pola súa banda, o Concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, destacou o impulso ao Biopolo da Sionlla, no que a Cámara participa, como unha das actuacións preferentes deste novo período, sinalándoo ao mesmo tempo como un exemplo de colaboración público-privada.

Na firma estiveron presentes: Xan Duro Fernandez, Concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais; Pilar Murias Fernández, Vicerreitora de Estudantes e Cultura; María Pais Fajín, Presidenta da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela; José Fernández Alborés, Presidente Asociación da Área Empresarial do Tambre; Sara Santos Ferreiro, Presidenta da Asociación Hostelería Compostela; Lois Alberte Lopes García, Presidente da Asociación Hostalaría.gal; Joaquín García Gutiérrez, Secretario Xeral de CCOO Santiago – Barbanza; Marisa Rodríguez Vázquez, Secretaria Xeral da UGT Compostela – Barbanza e Miguel Fernández Blanco, Presidente da Asociación Plataforma polo Emprego.

 

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña