Os Premios Manuel Beiras cumpren 20 anos e abren unha nova convocatoria

15/11/2019

A entrega do premio, unha escultura de Acisclo Manzano, terá lugar este ano no Teatro Principal. A gala celebrarase o luns 16 de decembro, ás 20:00 horas, e estará presentada polo actor e humorista Carlos Blanco.

En 2018, o premio para a empresa cun uso continuado do galego foi para Construcións Alvite González; o premio para a empresa que se incorporara recentemente ao uso do galego recaeu en Leite Noso; e a distinción especial do xurado foi para o avogado Evaristo Rodríguez Carracedo, quen como vicepresidente da Cámara de Comercio foi un dos piares sobre os que se crearon estes galardóns.

 

Campaña de información e promoción

Ao igual que nos últimos anos, a convocatoria dos Premios Manuel Beiras vén precedida dunha campaña de promoción que ten como obxectivo dar a coñecer os galardóns e incentivar a presentación de candidaturas, así como animar ás empresas a comunicárense en galego.

A campaña informativa ten varios obxectivos: reforzar o coñecemento que xa existe sobre o premio e poñer en valor a súa continuidade; divulgar as bases e convidar a cidadanía e entidades a presentaren as súas propostas de candidatura; chamar a atención sobre as empresas que empregan o galego como parte do seu servizo e engadir valor a esta aposta fronte ao público potencial; e achegar ao sector empresarial unha mensaxe positiva sobre o rendemento de utilizar o galego na súa comunicación. Con estas metas, deseñáronse os materiais que este ano poñen o acento nos vínculos e nas oportunidades que o galego crea para o sector comercial.

Ademais, continuará tamén difundíndose o vídeo #traballamos en galego, co que diversas empresas galardoadas testemuñan o seu compromiso co galego nas súas tarefas cotiás.

Toda a información do certame pode consultarse na web www.premiosmanuelbeiras.gal. Alí pódense atopar as listas de gañadores de edicións anteriores, as bases da convocatoria e numerosos recursos gráficos sobre os galardóns.

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña