O comité clínico acorda o peche dos locais de hostaleria e restauración ás 00,00 horas e do ocio nocturno ás 2,00

28/12/2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou esta mañá en rolda de prensa das novas medidas acordadas polo comité clínico, e entre as que destaca a decisión de limitar a apertura dos locais de hostalería e restauración ás 00,00 da madrugada, e do ocio nocturno ás 2,00.
No caso da hostalería e a restauración, os venres e os sábados poderán ampliar os seus horarios de apertura até as 1:00h.
Entre as novas medidas, que entrarán en vigor ás 00,00 horas do día 31 de decembro, e que estarán vixentes ata o día 18 de xaneiro, destacan a obrigatoriedade de presentar o certificado covid para acceder aos locais de hostalería durante todo o día, e tamén a volta da prohibición de consumir nas barras dos locais.


Sanidade tamén remitirá ao Tribunal Superior de Xustiza unha solicitude para establecer a limitación de xuntanzas de persoas non convivintes en espazos públicos entre ás 2,00 e ás 6,00 horas, polo que, de ser ratificado, durante esas horas só poderán transitar pola rúa persoas soas, ou membros dunha mesma unidade familiar.


O responsable de Sanidade, recomendou evitar a asistencia a eventos masivos que , en todo caso, serán con público sentado, tanto en interior como en exterior.

 

Medidas específicas para Noitevella e o Día de Reis
No que atinxe dun xeito específico á festividade de Noitevella, os locais de hostalería e restauración deberán pechar os seus locais a 1,00h da madrugada, mais, co ánimo de evitar que se retomen as xuntanzas, non poderán voltar a abrir os seus locais antes das 10,00 da mañá do día 1 de xaneiro.
No caso dos establecementos de ocio nocturno, as autoridades sanitarias manterán esta mesma tarde unha reunión cos representantes do sector nocturno para acordar os horarios do día de Noitevella. Unha xuntanza da que tamén se desprendería un posible horario para limitar xuntanzas de persoas non convivintes en espazos públicos para esa data.


Respecto das ceas e comidas do último día do ano, Sanidade recomenda xuntanzas cun máximo de dúas unidades familiares e, preferiblemente, que sexan as mesmas do día de Nadal. No caso de levarse a cabo en lugares públicos, establécese o límite de 8 persoas na mesma mesa, en interior, e un máximo de 10 no exterior.


En canto ás cabalgatas do Día de Reis, García Comesaña precisou que é necesario minimizar as posibles aglomeracións, ademais de recomendar que esta sexan estáticas.

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña