COWORKING DIXITAL COMPOSTELA

31/03/2023

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela puxo en marcha o Coworking Dixital Compostela, unha iniciativa para fomentar proxectos dixitais de persoas emprendedoras e startups tratando de impulsar a transformación dixital de pemes e micropemes da demarcación da Cámara de Comercio de Santiago.
Deste xeito a Cámara apoiará a creación de empresas dixitais a través dun centro de traballo compartido, situado na sede da Cámara de Comercio de Santiago, e impulsará a dixitalización de máis de 350 empresas durante 2023 a través de servizos dixitais personalizados.

O Coworking Dixital Compostela é un proxecto global que poñerá ao dispor de empresas e persoas emprendedoras un espazo de coworking con equipamento tecnolóxico e programas específicos de acompañamento, incubación e aceleración de empresas. Ademais, o coworking integrarase na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña.

As empresas poderán participar en máis de 40 actividades programadas ao longo dos próximos meses que se desenvolverán tanto na cidade de Santiago como nos 32 municipios do sur da provincia da Coruña. Contarán cunha ampla oferta de servizos personalizados que ofrecerán unha resposta global ás súas necesidades en materia de transformación e innovación dixital, promovendo a incorporación das TIC, a dixitalización, innovación e internacionalización na estratexia de negocio. Entre outras actividades destacan xornadas e bootcamps formativos orientados a diferentes fases e necesidades de cada proxecto, a través de xornadas Demoday e Investors Day.

A xornada de inauguración, que tivo lugar no día de hoxe, contou coa participación de María Pais, presidenta da Cámara de Comercio de Santiago; Natalia Vázquez Poza, directora de Proxectos FEDER da Fundación Incyde; o deputado provincial, José Ramón Rioboo; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a subdirectora de Investimentos e Startups do IGAPE, Fany Suárez Mansilla.

O Proxecto Coworking Dixital “CCcompostela” está cofinanciado nun 80% por FEDER, dentro do Programa Operativo Plurirregional 2014-2020 dentro do eixo 3: Mellorar a Competitividade das PEMES, Obxectivo Temático 3 Mellorar a competitividade das pequenas e medianas empresas, e a prioridade de investimento 3ª Fomento do espírito empresarial, en particular, facilitando a explotación económica de novas ideas, e promovendo a creación de novas empresas, tamén mediante viveiros. A Excma. Deputación provincial da Coruña achega o 20% restante, no marco do Plan de Emprego Local (PEL). Anualidade 2021.

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña