ENTREGA DO PREMIO PEME DO ANO A CORUÑA 2023

06/06/2023

A empresa ABN Pipe, con sede na Coruña e dedicada á fabricación de sistemas de tubaxes e compostos de materiais termoplásticos para os sectores da edificación, a obra civil e a industria, recibiu hoxe o Premio Peme do Ano 2023 da Coruña, un galardón que conceden o Banco Santander e as Cámaras de Comercio da Coruña e Santiago de Compostela, en colaboración coa Cámara de España e o diario La Voz de Galicia.

O director de Administración e Finanzas da compañía, Manuel López, foi o encargado de recoller o premio, nun acto que se celebrou na sede da Cámara da Coruña e no que participaron Antonio Couceiro, presidente da Cámara de Comercio da Coruña; María Pais, presidenta da Cámara de Santiago de Compostela; Francisco Conde, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia; Rocío Pazos, directora territorial do Banco de Santander en Galicia; José Ramón Riobóo, deputado provincial da Coruña; Manuel Galdo, director xeral da Cámara de Comercio da Coruña; e Alfonso Andrade, delegado na Coruña de La Voz de Galicia.

ABN Pipe non deixou de medrar e innovar desde os seus inicios no ano 2000 na cidade da Coruña, onde ten a súa sede central. Conta cunha planta de produción en Medina del Campo e cun persoal de máis de cen traballadores distribuídos entre ambos os centros. A compañía exporta a máis de 18 países en todo o mundo. Catalogada como Peme Innovadora polo Ministerio de Ciencia e Innovación, destaca pola súa capacidade de innovación e desenvolvemento de novos produtos.

O xurado, composto polo subdirector da Cámara da Coruña, Carlos Fernández; a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Rosa Mary Cardeso; o representante da Delegación Territorial do Banco Santander, Pablo Gil; a representante do diario La Voz de Galicia, Sofía Vázquez e polo representante da Deputación Provincial, Manuel Vázquez, valorou especialmente de ABN Pipe a súa achega á creación de emprego, a súa capacidade innovadora e de expansión así como o seu compromiso coa sustentabilidade como méritos para alzarse con este premio.

Ademais, concedéronse catro accésits nas categorías de Internacionalización; Innovación e Dixitalización; Formación e Emprego; e Empresa Sostible. 

O Accésit de Internacionalización outorgouse a Siotic Spain (Improving Metrics), fincada na Coruña e dedicada á analítica de datos e a estratexia dixital. Destaca polas súas solucións de alta calidade baseadas no deseño, análise, extracción e explotación de datos de activos dixitais.

O Accésit de Innovación e Dixitalización recaeu na empresa de Santiago de Compostela, Sistemas Audiovisuais Itelsis, unha compañía tecnoloxicamente avanzada que dispón do 30% do persoal dedicado a labores de I+D, o que confirma o compromiso da compañía coa investigación como piar que sustenta o progreso tecnolóxico da empresa.

O Accésit de Formación e o Emprego concedeuse a Gabadi, da Coruña. Gañadora da anterior edición do Premio, é unha empresa do sector auxiliar naval que conta con diversas liñas de negocio para os sectores civil e militar. Con presenza nacional e internacional, está altamente comprometida coa xeración de emprego de calidade.

E, por último, o Accésit de Empresa Sostible foi para Gestán (Contedores da Coruña), dedicada á xestión integral de residuos procedentes de calquera sector industrial. Dispoñen de centros autorizados de almacenamento, valorización e venda de produtos recuperados, ademais de loxística propia para o transporte de residuos.

Jesús Echarri, CEO de Siotic Spain (Improving Metrics) recolleu o accésit de Internacionalización e destacou que ”cada vez que saímos das nosas fronteiras, dámosnos/dámonos conta do talento tan elevado que hai na Coruña. Somos especialmente fortes e aproveitamos moi ben os recursos e deixamos o pavillón moi alto”.

Para Gerardo José García, director xeral de Sistemas Audiovisuais Intelsis, que recolleu o accésit de Dixitalización e Innovación, “os produtos que saen dos nosos laboratorios permítennos competir a nivel internacional, estando presentes en mercados como Australia ou Taiwan. Ademais, a dixitalización é moi importante para nós”.

Pola súa banda, Begoña Paz, directora de RR.HH de Gabadi, recolleu o accésit de Formación e Emprego e destacou na súa intervención “en Gabadi apostamos pola formación desde os nosos inicios porque un dos nosos obxectivos foi sempre a distinción no mercado. Temos que achegar algo diferente aos produtos que fabricamos e eses supón que en moitas liñas de negocio tivemos que partir desde cero e formarnos”.

Para Luz Pardo, presidenta de Gestán (Contedores da Coruña), que recolleu o accésit de Peme Sostible, “reducir materiais contaminantes e aumentar a economía circular son dous principios que na nosa empresa forman parte do noso día a día. O noso equipo é capaz de levar a cabo estas medidas sostibles a cada parte da organización de forma transversal”. 

O director de Administración e Finanzas da empresa gañadora do Premio, ABN Pipe, Manuel López, destacou que “este premio supón un recoñecemento ao noso esforzo en innovación e desenvolvemento sostible realizado durante os últimos anos, apostando polo desenvolvemento local da nosa Comunidade desde unha perspectiva global. Desde ABN innovamos e desenvolvemos novos produtos baixo unha premisa ambiental contribuíndo tamén ao desenvolvemento sostible no sector da construción”.

O presidente da Cámara da Coruña, Antonio Couceiro, puxo en valor “a constatación da existencia dun armazón empresarial na nosa provincia, sólido e puxante, conformado por pemes fortes, innovadoras, competitivas e sostibles e en moitos casos con clara vocación cara aos mercados exteriores. Esta é sen dúbida a mellor garantía para o desenvolvemento sostido e sostible da nosa sociedade. As nosas empresas son motor de xeración de riqueza e benestar e hai que poñer en valor o papel que desempeñan”.

Para a presidenta da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, María Pais, “o Premio supón un recoñecemento ao encomiable labor das pequenas e medianas empresas como xeradoras de riqueza e creadoras de emprego no desempeño do seu labor cotián. A súa contribución ao Valor Engadido Bruto e á xeración de emprego é incuestionable.

Por iso nosas pemes requiren o maior apoio institucional posible e o desenvolvemento de reformas estruturais e políticas activas que permitan reconstruír unha estrutura empresarial forte e consolidada que actúe como panca da reactivación, recuperación e crecemento económico do noso territorio”.

A directora territorial do Banco de Santander en Galicia Rocío Pazos, expuxo que “estamos a ver determinados sectores que xa están a mostrar síntomas de recuperación como poden ser o sector do turismo, de servizos, sectores e os que xa empezan a chegar fondos europeos e cremos que ha e oportunidades por diante. Creo que a colaboración público-privada e as empresas permitirá que deamos pasos adiante e melloremos a competitividade do tecido empresarial, que garante o crecemento e o emprego”.

O delegado da Coruña de La Voz de Galicia, Alfonso Andrade, destacou que “detrás do emprendemento hai iniciativa, valentía, entre outros moitos valores. O emprendemento supón un proceso creativo constante, arriscado e difícil. Ademais, na provincia da Coruña hai 80.000 empresas que xestionan o 50% das exportacións de Galicia e convértennos na cuarta provincia exportadora de España”.

Pola súa banda, o deputado provincial da Coruña, José Ramón Riobóo, “co plan PEL xeramos máis de 5.000 empregos e realizamos un investimento no últimos sete anos de preto de 106 billóns de euros. O tecido empresarial da provincia da Coruña é un dos máis importantes, así que traballaremos todos conxuntamente”. 

O acto foi clausurado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, animou “ao tecido empresarial galego a seguir innovando para responder os retos da transición enerxética e dixital. Neste contexto de cambios, avogou por que a Administración acompañe ás empresas e destacou a necesidade de que as pemes e autónomos teñan as mesmas facilidades que as grandes compañías no acceso aos fondos europeos Next Generation, fundamentais na transformación económica e industrial de Galicia”.

Premio Nacional Peme do Ano 2023

ABN Pipe concorrerá ao Premio Nacional Peme do Ano 2023, que se elixirá entre os gañadores de cada provincia. O nome coñecerase no primeiro trimestre de 2024, nun gran acto que se celebrará en Madrid.

Así mesmo, os gañadores dos Accésits concorrerán tamén á final nacional nas súas respectivas categorías, onde se elixirá ás empresas que destacaron polas súas accións de Internacionalización, as súas políticas de Formación e Emprego ou Innovación e Dixitalización e as que teñen implantadas máis medidas de sustentabilidade.

Nesta nova edición, a sétima deste Premio, participaron 1.629 empresas de todos os sectores produtivos.

Premio Peme do Ano

O Banco Santander e a Cámara de Comercio de España crearon o Premio Peme do Ano en 2017 para recoñecer o desempeño e o labor das pequenas e medianas empresas como creadoras de emprego e riqueza. Ademais, pretende dar visibilidade ao esforzo diario dos empresarios que contribúen co seu esforzo ao desenvolvemento económico do territorio. O premio está dirixido a pequenas e medianas empresas de menos de 250 empregados e cunha facturación inferior aos 50 millóns de euros.

9.069 pemes participantes desde a creación do Premio

Como recoñecemento xa consolidado, na anterior edición do Premio Peme do Ano, inscribíronse un total de 1.766 empresas das 50 provincias e a Ciudad Autónoma de Ceuta, e contouse coa participación de 50 Cámaras de Comercio territoriais.

Desde 2017, ano do seu lanzamento, xa son 9.069 pemes as que participaron neste certame.

 

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña