MARÍA PAIS FAJÍN ELEXIDA NOVA PRESIDENTA DO CONSELLO GALEGO DE CÁMARAS

16/06/2023

María Pais Fajín foi elixida presidenta do Consello Galego de Cámaras durante o acto de constitución do organismo, cuxo mandato se estenderá ata 2027. A empresaria inicia así a súa primeira lexislatura á fronte deste organismo, en substitución de José García Costas. Pais Fajín estará acompañada nesta nova tarefa por Jaime Luís López Vázquez, presidente da Cámara de Lugo, que ostentará o cargo de vicepresidente; Antón Fonseca Fernández, presidente da Cámara de Tui, que será o novo tesoureiro; e os vogais Antonio Couceiro Méndez, presidente da Cámara da Coruña, José García Costas, presidente da Cámara de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía e Saúl Cuevas Faro, vicepresidente da Cámara de Comercio de Tui, como vogal consultor.

Ao acto, presidido polo director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, acudiu tamén a subdirectora, Marta López, os cinco presidentes das Cámaras galegas e a secretaria do Consello, Ana Agras. De igual forma, procedeuse a nomear aos vogais consultores, empresarios galegos de recoñecida traxectoria profesional, e que finalmente serán Ramón Salgado Fuentes (Santiago), Juan Antonio Quiroga Lage (A Coruña), Saúl Cuevas Faro (Tui) e José Manuel Fernández Alvariño (Vigo).

Tras a designación, María Pais agradeceu a confianza do resto dos presidentes e comprometeuse a “traballar duro” en favor das Cámaras de Comercio de Galicia, respectando sempre a súa individualidade. “O Consello Galego de Cámaras, integrado por todas as cámaras galegas, e na súa calidade de organismo consultivo e de colaboración da Xunta de Galicia, debe configurarse como un brazo extensor da mesma na execución de políticas activas e a posta en marcha de programas e encomendas de xestión -a través das cámaras galegas- que contribúan á dinamización do tecido produtivo da nosa comunidade”, destacou Pais.

O Consello Galego de Cámaras creouse hai case dúas décadas co obxectivo de defender de forma global e integrada os intereses do comercio, a industria e a navegación no ámbito da Comunidade Autónoma, entre outros.

Proxecto financiado pola Deputación da Coruña