A CÁMARA E O CONCELLO DE SANTIAGO CONVOCAN UNHA NOVA EDICIÓN DO PREMIO MANUEL BEIRAS AO USO DO GALEGO NA EMPRESA

04/12/2023

"En galego, naturalmente" é o lema co que se presentan este ano os Premios Manuel Beiras ao uso do galego na empresa, convocados polo Concello e a Cámara de Comercio. O eslogan fai referencia á naturalidade. O uso da nosa lingua achega naturalidade e proximidade nun mercado cada vez máis global.

Estes premios ten como obxectivo o achegar un recoñecemento público ao uso do galego no ámbito empresarial, como eido de gran relevancia no proceso de normalización do uso social da lingua galega. Preténdese contribuír á difusión das boas prácticas comunicativas en galego e poñer de manifesto as vantaxes de incorporar a nosa lingua para o sector socioeconómico, así como dar dar a coñecer e espallar a utilidade que ten o galego, tamén como lingua instrumental no ámbito mercantil.

Pola súa vez, coa denominación destes premios, quérese lembrar a figura do histórico comerciante compostelán Manuel Beiras García (1904-1996), destacado loitador da nosa cultura e da nosa lingua que foi membro das dúas institucións organizadoras.

Poderán concorrer a este premio calquera empresa, do sector que sexa, grande ou pequena, que se radique no municipio santiagués ou teña nel unha presenza importante. A candidatura pode ser presentada pola propia empresa ou suxerida por outra persoa ou entidade allea. Prevense tres categorías; empresa cun uso continuado la lingua galega, empresa de nova incorporación ao uso da lingua galega, empresa innovadora no uso do galego.

A convocatoria estará aberta ata o día 11 de decembro e as bases poden consultarse na web premiosmanuelbeiras.gal Durante as semanas previas á entrega dos premios, desenvolverase unha campaña arredor do lema "En galego, naturalmente" co obxectico de difundir a convocatoria e as mensaxes do premio así como para animar as empresas a que presenten as súas candidaturas. 

A proposta debe achegar, na medida do posible, información sobre a práctica lingüística da empresa. Para facilitar a recollida desta información, as empresas candidatas poden sumarse a #galegoempresas (galegoempresas.santiagodecompostela.gal), na que poden completar un autodiagnóstico e tamén poden elaborar unha pequena memoria, para o que contarán co apoio, se o precisan, do Departamento de Lingua do Concello. Na web atoparán unha guía para facilitar a información que o xurado necesita. Como é habitual, a organización non fai público o nome das empresas que son candidatas, mais elas si poden publicitalo.

A convocatoria deste ano rematará coa entrega dos premios ás empresas galardoadas, nun acto que terá lugar o vindeiro 18 de decembro ás 20 horas no Teatro Principal. A gala estará conducida por Isabel Risco.

 

 

Proyecto financiado por la Diputación de A Coruña