OS CANDIDATOS EXPLICAN O PROGRAMA ELECTORAL NO FORO CÍVICO DE COMPOSTELA

07/02/2024

O Foro Cívico de Compostela, integrador de diversas entidades e colectivos profesionais radicados na cidade e coordinados pola Cámara de Comercio, recibiron onte aos candidatos pola provincia de A Coruña dos catro grupos con representación no Concello de Santiago, ao obxecto de poder escoitar as súas propostas para a Cidade, no caso de que o partido ao que representan chegase a formar goberno nas próximas eleccións autonómicas do 18 de febreiro.

A xornada comezou co candidato representante do PSdeG-PSOE, Aitor Bouza, quen centrou a súa intervención no sistema sanitario galego, considerando que a sanidade pública ten experimentado un claro retroceso co desmantelamento dos hospitais comarcais e o colapso dos profesionais sanitarios. Igualmente, destacou os problemas de mobilidade que está a experimentar a cidade, cun transporte público claramente deficiente e con serias dificultades de estacionamento na contorna do Hospital Clínico Universitario de Santiago; calificando, así mesmo, a situación da vivenda en Compostela “como un drama”.

Pola súa banda, a candidata do BNG, Mercedes Queixas, quen estivo acompañada pola Alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, fixo unha intervención centrada no escaso avance da sociedade galega nos últimos quince anos, cunha clara deterioración dos servizos públicos e perda de poboación, especialmente mozos e mozas, os cales se ven abocados a emigrar a outros países na procura dun mellor futuro. Tamén destacou a necesidade de apostar por un transporte público “que nos sitúe na Europa do futuro”. Para a candidata, Galicia debe declararse zona saturada de grandes áreas comerciais e cambiar o modelo de desenvolvemento urbano, favorecendo o comercio local.

Pola súa banda, a Alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, aportou datos sobre os prazos de execución das principais infraestruturas da cidade. Neste sentido, manifestou que as obras da estación depuradora de augas residuais (EDAR) comezarán neste mes e sinalou que o Estado participará achegando o 80% do orzamento da obra. Igualmente anunciou que a estación Intermodal finalizará neste ano, e concluída esta, iniciaranse as obras do aparcamento en superficie.

A continuación o candidato do Partido Popular de Galicia, Borja Verea, puxo en valor os quince anos de goberno do PP na Xunta de Galicia, destacando unha enquisa do CIS na que se sinala que a nosa Comunidade ten a segunda sanidade mellor valorada de España e que, na actualidade, as empresas galegas exportan o dobre que cando chegaron ao goberno. Tamén destacou que aínda que a Sanidade sempre é mellorable, o PP de Galicia aumentou o orzamento en 1.500 millóns de euros e  conta co calendario de vacinacións infantil máis completo do mundo. De igual xeito, incentivouse o uso da rede de transporte público, implantando a gratuidade para a mocidade e para os maiores de 65 anos. Por último, destacou que o PIB  per cápita da nosa Comunidade é o segundo que máis crece en España desde o 2009.

A última intervención correu a cargo da representante de SUMAR Galicia, Carme Casado, quen destacou que ou feminismo impregna o contido de todo o programa de SUMAR. O seu partido aposta por poñer en marcha unha renda social de garantía dun 70% do salario mínimo e, como proxecto piloto, establecer unha renda para a mocidade de 600 € mensuais co obxectivo de favorecer a súa emancipación. Tamén anunciou “comedores gratuítos e saudables” para os escolares e, en materia de política social, destacou a necesidade de atención dos maiores a través de microrresidencias de proximidade que permitan as persoas permanecer na súa contorna familiar e centros públicos de coidados interxeneracionais. Igualmente queixouse da  falta de pediatras asignados para determinadas zonas da cidade e da necesidade de establecer un plan de retorno para a mocidade, especialmente, de perfís científico e tecnolóxico.

Proyecto financiado por la Diputación de A Coruña