A CÁMARA DE COMERCIO DE SANTIAGO PUBLICA O SEU PLAN DE PROMOCIÓN INTERNACIONAL 2024-2025

15/03/2024

A Cámara de Comercio de Santiago acaba de publicar a súa axenda internacional para a anualidade 2024-2025, co obxectivo de estimular, fortalecer, expandir e consolidar a internacionalización dos autónomos e pemes da súa demarcación territorial, así como dos seus produtos e servizos.

Para iso, a Cámara santiaguesa adheriuse ao Plan de Fomento das Exportacións Galegas (FOEXGA) promovido polo IGAPE e cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027, a través do cal convocará a partir desta mesma semana 20 accións internacionais repartidas entre os 4 continentes, que incluirán exposicións e visitas a feiras internacionais, misións comerciais e participación en congresos, especialmente para o sector contract, e biotecnolóxico. Desta forma as empresas poderán manter encontros individualizados con compañías e institucións locais en Europa, Asia, América, Oriente Próximo e África, o que lles permitirá ampliar a súa rede de contactos, alcanzar maiores economías de escala, ao acceder a recursos caros ou inaccesibles no seu mercado de orixe, mellorar a notoriedade e diferenciación dos seus produtos e marcas e xerar novas oportunidades comerciais.

América e Europa serán os principais destinos

Así, no continente americano a Cámara compostelá, organizará misións empresariais en Carolina do Norte para o sector Biotech (Estados Unidos), Ecuador, Perú, Chile, Colombia e unha sectorial para farma e aeronaútica en México. Tamén se acudirá á Feira Bio International Convention en San Diego (Estados Unidos) e á Feira Expopesca de Manta (Ecuador).

Pola súa banda, en Europa achegaranse aos mercados de Suíza (Swiss Biotech day e Vita foods Europe); Bretaña (Francia) para o sector biotech; Grecia, Chipre e Turquía. Tamén en Europa organizarase a participación en eventos como a Feira CPHI de Milán (Italia), a Bio Europe de Suecia (Estocolmo) e a Food Ingredients Europe de Franckfurt (Alemaña).

Os mercados asiáticos tamén serán outro dos obxectivos da axenda internacional da Cámara para este ano con destinos como Singapura e Malasia, Emiratos Árabes Unidos e Arabia Saudita (para o sector contract). Prevese a participación tamén na Feira BIG FIVE de Dubai. Por último, nas rexións de África programáronse Misións comerciais para expandirse nos mercados de Exipto en novembro e a participación no Salón Halieutis de Marrocos en 2025, referente ao sector pesqueiro.

Axudas para a internacionalización do tecido empresarial

As empresas interesadas en participar poderán beneficiarse dunha subvención de ata o 77% dos custos elixibles (gastos de billetes aéreos, aloxamento, confección de axenda de entrevistas, espazos expositivos etc).Así mesmo, recibirán asesoramento e acompañamento especializado durante todo o proceso por parte dos técnicos do Dpto. Internacional da Cámara.

As empresas da demarcación cameral que estean interesadas na internacionalización e a expansión do seu negocio poden ampliar información a través da web da Corporación (https://www.camaracompostela.com/) ou na dirección de correo fpsoba@camaracompostela.org

Resultados 2023

A Cámara de Santiago leva máis de 30 anos contribuíndo ao incremento do número de empresas de base exportadora, asesorándolles na procura e apertura de novos mercados, apoiándolles na ampliación cara a mercados con menor presenza e maior potencial de crecemento futuro, e tamén na consolidación empresarial nos mercados maduros.

Nos oito meses que estivo vixente o Plan de 2023, a Cámara realizou 9 accións en 12 países, cunha participación de 35 empresas e expediu 2.500 Certificados de Orixe de mercadorías e case 150 doutros certificados relacionados coa exportación. Os principais destinos durante a pasada anualidade foron China, EAU, Catar, Arabia Saudita e Turquía.

As exportacións totais de Galicia en 2023 superaron o récord dos 30.000 millóns de euros por primeira vez, sendo a Unión Europea o principal receptor dos produtos galegos e mercados terceiros como Reino Unido, Marrocos, Estados Unidos e Turquía. Por sectores: automoción e industria auxiliar, confección, peixes e crustáceos, maquinaria e combustibles minerais, e conservas de peixe, ocuparon os primeiros lugares.

 

Proyecto financiado por la Diputación de A Coruña