O Camiño de Santiago como Motor da Reactivación Económica

26/11/2021

Esta mañá o Hotel A Quinta da Auga foi o escenario do Encontro Empresarial O Camiño de Santiago como Motor da Reactivación Económica, organizado pola Cámara de Comercio de Santiago e o Banco Sabadell e que reuniu a medio centenar de empresas de Santiago e comarca. Este Encontro Empresarial organizado pola Cámara de Comercio conxuntamente co Banco Sabadell enmárcase dentro do acordo de ambas entidades para o desenvolvemento de accións de promoción dirixidas ás empresas da nosa demarcación cameral. Este acto tivo un aforo limitado e un número reducido pola situación actual sanitaria, esperando que en próximos encontros desparezcan este tipo de limitacións.

Neste acto interviron, Jorge Lorenzo, vicepresidente da Cámara de Comercio de Santiago; Pablo Junceda, director xeral de Sabadell Gallego e director xeral adxunto de Banco Sabadell; Xosé A. Sánchez Bugallo, Alcalde de Santiago; Ildefonso de la Campa, director da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo; Daniel Lorenzo, director da Fundación Catedral; e Gumersido Guinarte, Concelleiro de Turismo e Delegado do Ano Santo 2021.

Jorge Lorenzo, vicepresidente da Cámara de Santiago, quixo lembrar que as Cámaras de Comercio son organismos Publico-Privados con funcións claramente definidas nos ámbitos de canalización e posta en marcha de políticas públicas. Podemos dicir que son como unha extensión da administración, aínda cando non forman parte dela. Entre as súas funcións encomendadas cabe destacar:

·        A captación de fondos e axudas Europeos

·        O Fomento das exportacións e a internacionalización das empresas

·        O soporte aos emprendedores

·        Formación e servizo aos empresarios e os seus traballadores, entre outros

As Cámaras xestionadas polos empresarios, baixo a tutela da Administración, nos últimos anos víronse obrigadas a levar a cabo un proceso de adaptación e redefinición das súas funcións e obxectivos tras o cambio lexislativo producido polo RDL 13/2010. As profundas modificacións introducidas por este RDL, especialmente no ámbito do seu financiamento e obtención de ingresos  xeraron unha evolución dispar que levou a unhas á súa desaparición, outras á súa fusión, e outras como a de Santiago, a continuar coa súa evolución independente. Probablemente este proceso de consolidación e redistribución do Mapa Cameral non estea terminado aínda.

A “Marca” Cámara de Comercio é unha marca potente ante a Administración e a Sociedade que se sinte especialmente implicada no desenvolvemento e promoción do Camiño de Santiago como motor económico da demarcación, moitas das nosas empresas están directa ou indirectamente relacionadas co Camiño e os seus efectos. Por iso quixemos levar a cabo este Encontro Empresarial con relatores da máxima autoridade, en diferentes ámbitos para que nos ofrecesen a súa visión.

Pablo Junceda, director xeral de Banco Sabadell quixo centrar a súa intervención na parte máis material do Camiño de Santiago: a súa capacidade de ser motor da reactivación económica. Sen dúbida, non é nada novo, que nos anos do Xacobeo, a realidade imponse en forma de despregamento de actividade, creación de emprendemento e emprego e mobilización de todos os sectores da economía galega.

O Camiño de Santiago é unha oportunidade económica permanente. A Comisión Europea puxo enriba da mesa 750.000 millóns de euros a través do seu Fondo de Recuperación Europea, dos que 140.000 virán a España a condición de que se presenten proxectos que as autoridades comunitarias consideren rigorosos, viables e que teñan capacidade para rexenerar o noso tecido económico.

Para que a xestión dos fondos sexa verdadeiramente eficaz e eficiente, debe de crearse unha cadea de valor que comece pola planificación de bos proxectos con bos socios; a canalización a través de organismos competentes; unha estreita colaboración público-privada; unha organización a medio e longo prazo que aposte pola sustentabilidade, a saúde e a dixitalización; e o compromiso político das administracións de lexislar para facilitar, axilizar e camiñar cara a unha nova economía.  O Camiño de Santiago é un proxecto total que inclúe todas estas características.

En definitiva, o Camiño de Santiago leva moito tempo sendo un referente económico para Galicia. Non hai sector produtivo desta terra que sexa alleo ao Camiño, polo que a mellor reactivación producirase se somos capaces de adaptar cada nova idea e cada proxecto xa asentado aos parámetros que marcan agora mesmo a axenda da recuperación. En moitos sentidos, Galicia está a dar exemplo, con proxectos atractivos e con enorme potencial. Hai que reforzar o emprendemento facendo ver que hai financiamento para o que queira arriscar a crear emprego e riqueza pegados a ese magnífico exemplo de calidade, fraternidade e europeísmo que é o Camiño de Santiago.

 

 

 

.

Proyecto financiado por la Diputación de A Coruña