A CÁMARA PON EN MARCHA UN PROGRAMA PARA A MELLORA DA COMPETITIVIDADE DO COMERCIO MINORISTA

05/06/2023

Conscientes da importancia do comercio retallista no tecido produtivo da súa demarcación territorial, a Cámara de Comercio de Santiago puxo en marcha unha serie de actuacións orientadas a fomentar a innovación, dixitalización e competitividade do pequeno comercio, a través de dúas liñas de actuación: actividades divulgativas en áreas estratéxicas claves para o comercio e actuacións de dinamización comercial.

Ambas actuacións enmárcanse dentro do Plan de Apoio ao Comercio Retallista, que ten como obxectivo o fomento da innovación empresarial e a adaptación ás novas fórmulas comerciais e hábitos de consumo, a capacitación en habilidades comerciais, a dinamización das vendas nas zonas e actividades comerciais, a revitalización comercial de áreas e equipamentos comerciais e o impulso á dixitalización e ao comercio electrónico, polo que a participación nas mesmas é gratuíta para os establecementos comerciais, ao estar financiadas ao 100% pola Secretaría de Estado de Comercio do Ministerio de Industria e polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

“A importancia do comercio para a economía dos municipios da nosa demarcación é incuestionable”

A Presidenta da Cámara, María Pais, recalca que “a través da posta en marcha destas actuacións, en colaboración coas asociacións empresariais do sector, prevese mellorar a capacitación e habilidades dos profesionais do sector comercial así como favorecer a súa transformación dixital e innovación como elementos claves para a mellora da súa competitividade. A importancia do comercio como “elemento dinamizador” da economía e da sociedade nos concellos da nosa demarcación cameral é incuestionable. Necesitamos un comercio forte e consolidado que responda aos novos hábitos de consumo, onde o cliente debe ser o centro da súa estratexia”.

Actividades divulgativas en áreas estratéxicas

Estas actividades, que se desenvolverán entre os meses de xuño e outubro, teñen a finalidade de incentivar e mellorar a capacidade dos autónomos, microempresas, pemes e emprendedores do sector comercial retallista en diferentes áreas ou materias estratéxicas, de forma que os comercios participantes poderán coñecer os principios fundamentais da neuroventas para conquistar a mente dos seus clientes e mellorar as súas vendas; aprender a deseñar unha estratexia de márketing comercial; descubrir como xestionar as redes sociais do seu establecemento para que xeren rendemento e aprender a deseñar e lanzar ao mercado ofertas en liña irresistibles.

Actuacións de dinamización comercial.

Desenvolveranse tamén unha serie de accións promocionais nas que se incorporarán aspectos relacionados coas TIC, dirixidas a incentivar o consumo e as vendas nos diferentes subsectores de actividade, nos eixos comerciais, nos centros comerciais abertos, nos mercados municipais con especial incidencia en visitantes e turistas e en campañas de promoción de vendas no pequeno comercio con eventos orientados a promover os seus valores en datas sinaladas de interese comercial.

Para máis información: www.camaracompostela.com

 

Proyecto financiado por la Diputación de A Coruña