A CÁMARA DE COMERCIO DE SANTIAGO E O RESTO DE CÁMARAS DO ARCO ATLÁNTICO CREAN UN FORO DE REFLEXIÓN E COOPERACIÓN PARA ABORDAR OS RETOS DAS REXIÓNS DO ARCO ATLÁNTICO

22/06/2023

A Cámara de Comercio de Santiago participou en Bilbao na reunión de Cámaras do Arco Atlántico á que tamén asistiron o resto de Cámaras de Comercio galegas, do Norte de Portugal, Asturias, Cantabria, Burgos, Navarra, País Vasco e Nova Aquitania. Durante a sesión as entidades camerais asinaron a Declaración das Cámaras de Comercio do Arco Atlántico co obxectivo de reforzar os mecanismos de cooperación intercameral e interinstitucional que contribúan a traballar de forma conxunta nos retos económicos, sociais e ambientais aos que se enfrontan as rexións que compoñen o Arco Atlántico.

A Declaración foi redactada en base a un diagnóstico compartido sobre os principais retos e oportunidades para mellorar a competitividade das rexións do Arco Atlántico e cales son os principais ámbitos de cooperación.

Tralo encontro, o Presidente da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Bilbao, José Ignacio Zudaire, en nome dos dezasete presidentes asistentes, fixo entrega da Declaración ao Lehendakari do Goberno vasco e Presidente da Comisión do Arco Atlántico, Iñigo Urkullu. Ao acto asistiron, así mesmo, entre outros representantes institucionais, o embaixador de Portugal, João Mira Gomes; a Conselleira de Desenvolvemento Económico, Sustentabilidade e Medio, Arantxa Tapia; e os secretarios xerais das Cámaras.

Os asinantes son os presidentes e presidenta das Cámaras da Coruña, Áraba, Asociación Empresarial de Portugal – Cámara de Comercio e Industria, Avilés, Bayona; Bilbao, Bordeus, Burgos, Cantabria, Xixón, Guipuzkoa, Lugo, Navarra, Oviedo, Santiago de Compostela, Torrelavega e Tui. A declaración está aberta á adhesión doutras Cámaras do Arco Atlántico.

Proyecto financiado por la Diputación de A Coruña